Máis de 350.000 persoas pasaron frío nos seus fogares en 2021
O Ministerio de Transición Enerxética recoñece o carácter de clase da pobreza enerxética. Neste sentido, sinala no seu relatorio que “resulta especialmente interesante destacar os altos valores que rexistran os indicadores nas variábeis adicionais referidas a desempregados, rendas do primeiro quintil, pisos con aluguer de renda antiga e fogares sen calefacción. Esta realidade permite concluír que a pobreza enerxética é unha característica dos fogares máis desfavorecidos”.
Observatorio Europeo de Pobreza Enerxética
A Estratexia nacional de pobreza enerxética (ENPE) do Goberno do Estado, conforme aos criterios fixado polo Observatorio Europeo de Pobreza Enerxética (EPOV), atende a catro indicadores para determinar os niveis de pobreza enerxética. Neste sentido, fai seguimento ao denominado gasto enerxético desproporcionado, á pobreza enerxética agochada, á temperatura do fogar e ao atraso no pago de facturas da luz.
O gasto enerxético
O gasto enerxético desproporcionado mide a porcentaxe de renda que cada familia destina ao gasto enerxético por riba do dobre da media estatal. No caso galego representa 16,3% dos fogares e 402.201 persoas, unha proporción por baixo do total do Estado mais superior ao do anterior exercicio.
97.452 fogares galegos presentan pobreza enerxética agochada. O indicador, común ao da totalidade dos Estados da Unión Europea, rexistra a porcentaxe de unidades familiares cuxo gasto enerxético é inferior á metade da media estatal e por conseguinte os seus consumos non cumpren co mínimo esixido para manter un nivel de confort básico.
13% das familias viven sen temperatura axeitada
O número de familias cunha temperatura non axeitada na súa vivenda non deixa de medrar nos últimos anos. Se en 2018 afectaba 4,8% do total da poboación galega, en 2019 atinxía a 6% e en 2020 a 9,6%, situándose en 2021 en 13,1%, triplicando así a porcentaxe nos últimos catro anos.
352.519 persoas pasan frío na Galiza. As persoas maiores lévanse a peor parte neste escenario, afectando a pobreza enerxética a 18,3% da poboación de máis de 65 anos. Asemade, os fogares dun adulto con fillos ao cargo, presentan unhas taxas de 25,1%, tras incrementarse en 7,2 puntos en relación con 2020.
As expectativas non son mellores para os exercicios de 2022 e 2023. Así, a importante alza dos prezos da electricidade e dos combustíbeis adiantan unhas cifras peores para o ano actual.
Un comportamento semellante, agárdase para 2023, a falta de coñecer con exactitude a evolución da inflación.