Golfiños, tartarugas e baleas: máis de 400 animais mariños varados na costa galega no que vai de ano

Cemma devolveu ao mar 10 tartarugas mariñas no que vai de ano. (Foto: Cemma).
A Rede de Varadas da Galiza non descansa. Atenta ás alertas cidadás continúa co traballo de recollida e recuperación dos animais mariños varados vivos na costa galega e co estudo dos exemplares mortos.

No que vai de ano a Galiza rexistrou máis de 400 varadas de animais mariños, nomeadamente cetáceos que chegan por accidente aos areais ou que mariñeiros, navegantes e nadadores avistan en moi malas condicións perto da costa.

É o caso de 'Material', unha tartaruga rescatada nas proximidades de Malpica (Bergantiños) por un grupo de mergullo da localidade que deu aviso á Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma). "Chegou moribunda, chea de algas e sen apenas moverse", relata a Nós Diario o biólogo de Cemma Pablo Covelo. Após 15 días de coidados está case lista para volver ao mar. Desde o mes de xaneiro xa son 10 os exemplares recuperados. Fican outros tres á espera de seren liberados antes de acabe o verán.

"Sempre chegan tartarugas, pero este ano máis, mesmo se deixan ver cara ao fondo do Golfo de Biscaia, onde é moi raro ver animais vivos". Segundo explica Pablo Covelo, 90% das tartarugas proceden do outro lado do Atlántico e 10% da zona de Cabo Verde. Son grandes migradoras que arriban moi novas, "con dous ou tres anos e  non máis de 30 centímetros de coiraza, que pode alcanzar un metro na idade adulta". Son "moi duras", di o biólogo, unha resiliencia que lles permite sortear as adversidades.

Interaccións

Este 2024 vai camiño igualar e mesmo de superar a marca de varadas do ano pasado. A media anual desde que Cemma iniciou a súa actividade en 1992 é de 270, "pero en 2023 rexistráronse moitas máis, 618 varadas de cetáceos", dos cales só 10% estaban vivos. Entre os exemplares mortos, que sempre analizan antes da súa incineración, destacan os de golfiño común e os arroaces. Só no primeiro semestre do ano rexistráronse na Galiza máis arroaces mortos (21) que a media anual das últimas tres décadas (17). Polo que se refire ao golfiño común, Covelo apunta "movementos poboacionais pouco habituais" que os están a castigar. "Están entrando moito nas rías, mesmo até o fondo, onde se ven sorprendidos polas mareas". 

Outra sorte de problemática que afecta os cetáceos, neste caso os vivos, son as interaccións de bañistas e curiosos, prohibidas pola lexislación. "Non nos cansamos de repetilo e segue a suceder. Temos o exemplo de 'Manoliño', o arroaz que este ano se move entre Cee, Corcubión e Fisterra. A xente métese con el e el é algo que busca. A situación é moi complicada e pode tornarse aínda máis negativa se continúan as faltas de respecto. Pesa case 350 quilos e pode causar danos mesmo sen querer. Ademais, existe a posibilidade de contaxio por zoonose de dermatite, conxuntivite ou virus respiratorios". 

Primeiras baleas

Aínda que "o gordo" se espera a partir de setembro, o Cemma ten constancia dos primeiros avistamentos de baleas "na Mariña, fronte a Cabo Vilán e nas Rías Baixas". Comezan a baixar desde o norte e polo momento detectáronse uns poucos animais solitarios.

Para calquera aviso, lembra Covelo, o número de contacto é o 112, encargado de mobilizar os equipos de emerxencia do Cemma.