Máis de 6.000 persoas superaron a COVID-19 na Galiza

Paseo marítimo da Coruña, co mar ao fondo, un 2 de maio, primeiro día no que se permitiron paseos (Imaxe: Arxina).
O ritmo de altas diminúe respecto ao sábado e a sexta feira, segundo os datos fornecidos pola Dirección Xeral de Saúde Pública. Na última xornada rexistráronse 65 novos contaxios, segundo a información publicada polo Ministerio de Sanidade.

Galiza rexistra un total de 3.187 casos activos por coronarivus, segundo o último informe publicado pola Dirección Xeral de Saúde hoxe En cómputos totais,  no país contabilizáronse 48 positivos menos. As Unidades de Coidados Intensivos contan cunha paciente menos e un total de 36 persoas ingresadas, mentres que 2.896 doentes son atendidas nos seus domicilios, 41 menos que onte.

Segundo os datos do Ministerio de Sanidade, na última xornada rexistráronse 65 novos casos de coronavirus. Actualmente, o número de reprodución básico instantáneo na Galiza, é dicir o número de persoas que cada persoa enferma pode chegar a contaxiar, sitúase en 0,68. Menos de un contaxio por doente.

Paralelamente, o total de pacientes que superaron a enfermidade desde o inicio da pandemia ascende  supera as 6.000, concretamente son 6.075 as persoas curadas. Isto é un 1,57% de pacientes dadas de alta máis, un ritmo de recuperación menor que o rexistrado o sábado, de 2,8% de recuperacións, e na sexta feira, de 4,3%.

En tanto, o total de falecementos rexistrados ascende a 567. O sábado informouse de seis pasamentos en centros hospitalarios e dous en residencias de maiores. Na mesma xornadas o Sergas informara de mudanzas nas cifras logo da revisión de varios historiais clínicos.

Entre esta xornada e a anterior practicáronse 2.080 probas PCR, que detectan o xenoma do virus no corpo, ascendendo o total a 103.116. Á vez, continúa a baixada do ritmo de probas deste tipo entre a poboación, se ben non é tan acusada. A caída da pasada xornada foi de 3,6% e a da anterior 3,8%.

A incidencia da COVID-19 na poboación continúa a ser maior na área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras. Mesmo cando a cifra de contaxios descende, aínda se mantén por enriba dos 200 casos por cada 100.000 habitantes, cun total de 613 positivos por coronavirus.

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue a rexistrar a incidencia máis baixa, cun total de 186 casos activos. En tanto, a de Coruña e Cee suma 771 casos; a de Lugo, Monforte e a Mariña, 222; a de Vigo, 773; a de Compostela e o Barbanza, 475 e a de Ferrol, 147 casos activos.

Centros de maiores

Do total de casos en residencias, Sanidade detalla que permanecen 919 casos activos, 617 entre as usuarias e 302 entre o propio persoal. Ao tempo, 41 residentes foron dadas de alta tras superar a enfermidade, ademais de sete traballadoras e traballadores. Dos falecementos rexistrados na Galiza relacionados coa COVID-19, 253 corresponden a usuarios e usuarias dos centros de maiores.

A Xunta da Galiza anunciou que durante o mes de maio manterá a intervención en dous dos centros con máis casos de coronavirus activos, Domus Vi Aldán, no municipio de Cangas, e Domus Vi do Barreiro, no concello de Vigo.

Mudanza nos datos da Xunta

Hai cinco días, a Xunta da Galiza modificou os datos da actualización diaria da situación da COVID-19, pasando tamén a contabilizar todas as persoas curadas da enfermidade de golpe nunha mesma xornada.

Isto imposibilita realizar unha comparativa no tempo da evolución da doenza na Galiza. Porén, podes seguir o reconto destes e doutros datos, incluíndo as mudanzas no protocolo da Xunta, nesta infografía de Xan Sabarís para Nós Diario.