Máis contaminación que todas as celulosas do Estado: estas serían as emisións de Altri

Fins Eirexas, Ramón Varela e Mónica Cea, esta quinta feira en rolda de prensa (Foto: Arxina).
A Asociación pola Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), logo de analizar a documentación de Greenfeber (Altri e Greenalia) no Proxecto Gama para a construción da celulosa na Ulloa presentou unha comparativa das emisións á atmosfera declaradas no Estudo de Impacto Ambiental en relación coas doutras celulosas. 

Segundo explicaron en rolda de prensa, os resultados revelan que "a factoría de Altri converterase no principal foco contaminante a nivel estatal e mesmo europeo dentro do sector da fabricación de fibra de celulosa”. Os datos foron presentados polo catedrático en Bioloxía e Xeoloxía e doutor en Bioloxía Ramón Varela, cuxa tese doutoral tratou sobre "a contaminación atmosférica en Galiza".

Varela, ex presidente de Adega, estivo acompañado do secretario técnico da asociación ecoloxista, Fins Eirexas, e de Mónica Cea, en representación da Plataforma Ulloa Viva, que animou a participar na manifestación deste domingo, 26 de maio, en Palas de Rei (A Ulloa). Segundo este estudo, a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) contaminaría a atmosfera máis que a de Ence en Pontevedra e, nalgunhas emisións, “máis que todas as celulosas do Estado no seu conxunto”. 

Ramón Varela explicou que segundo os datos das emisións anuais de Altri do Estudo de Impacto Ambiental e do Informe de Sustentabilidade de Ence-Pontevedra de 2023, a factoría proxectada en Palas de Rei emitiría máis que Ence en partículas, óxidos de nitróxeno e óxidos de xofre, chegando a multiplicar por 5,8 a emisión de partículas, por 3,96 a emisión de NOx e por 28,3 as emisións de SOx. 

A xuízo destes expertos “sorprende que unha celulosa de nova instalación, proxectada en 2023, vaia contaminar máis que unha planta antiga, cando ademais Altri presume de que operará coas mellores técnicas dispoñíbeis”. Altri tamén perde comparando os propios datos de emisións da empresa cos oito complexos de todo o Estado español que teñen na fabricación de celulosa a súa principal actividade. Tres en Euskadi, un en Aragón, Asturias, Castela-León, Catalunya e Ence na Galiza.

En Palas de Rei, “Altri estaría moi por riba das emisións conxuntas das oito celulosas nas partículas PM10 (4 veces máis), óxidos de xofre (4,67 veces máis) e só lixeiramente por baixo das emisións totais de óxidos de nitróxeno”. 

O informe presentado por Adega compara tamén o Proxecto Gama coas emisións doutras industrias non celuosas da Galiza. Analiza 77 complexos para partículas, 128 complexos para NOx e 120 factorías para Sox. A conclusión dos expertos é que “as emisións de Altri serían das máis altas das industrias da Galiza, pasando a ser a primeira emisora de óxidos de nitróxeno e de partículas PM10 e a cuarta de óxidos de xofre”.

Choiva aceda

As emisións de Altri serán, segundo Adega, un "cóctel contaminante": os compostos de nitróxeno asócianse con enfermidades respiratorias; o dióxido de xofre irrita a pel, as mucosas e afecta os pulmóns; a emisión de partículas PM2,5, "que nin tan sequera se citan no Estudo de Impacto Ambiental", provocan problemas cardíacos, respiratorios, tumorais e neurolóxicos, entre outros. Salientan tamén os danos para o ambiente co incremento das choivas ácidas.


Adega acusa a pasteira lusa de "ocultar" a pegada de carbono

Altri reclama para a celulosa da Ulloa 250 millóns de euros de fondos dos Proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) da descarbonización, pero a empresa non publica os datos que esta quinta feira desvelou Adega sobre as substancias contaminantes. O informe presentado por Adega destaca que Greenfiber “só cuantifica emisións de 4 compostos: partículas grandes (PM10, 252,5 t), óxidos de xofre (SOx, 577,58 t), óxidos de nitróxeno (NOx, 2.180,9 t) e compostos volátiles reducidos de xofre (TRS, 53,22 t)”.

Esta falta de datos levou os expertos a concluír que Altri non fala de dióxido de carbono nin monóxido de carbono, “obviando que a queima de codia da madeira, restos de achas, licor negro e lamas de depuradora, tanto para a produción de vapor como para a xeración de electricidade, son focos importantes de emisións de CO2 e CO”. Adega considera que a empresa “oculta” as emisións destes gases de efecto invernadoiro para que non se coñeza a súa pegada de carbono co proxecto da macrocelulosa en Palas. Estas cifras, din,“deberían invalidar o Estudo de Impacto Ambiental”. Estiman que “as emisións en gases de efecto invernadoiro, principalmente CO2, estarán próximas ás 100.000 t/ano, se non son maiores”.