Máis da metade das empresarias e directivas galegas sofre estrés laboral

Imaxe creada por intelixencia artificial para ilustrar o artigo da investigación (USC)

Unha investigación da USC sobre mulleres en postos de liderado revela unha alta prevalencia da síndrome de ‘burnout’ e outros trastornos do ánimo coma a ansiedade ou a falta de sono

Un estudo desenvolvido pola investigadora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza (IDEGA) da USC Susana Martínez Rodríguez e o profesor da Universidade de Granada Manuel Ruiz Adame revela que máis da metade das mulleres empresarias e directivas galegas sofren estrés laboral, constatándose unha alta prevalencia da síndrome de burnout ou traballadoras queimadas e outros trastornos do ánimo.

O traballo parte unha enquisa realizada a 199 mulleres en postos de liderado, para obter datos sobre o estado de ánimo de empresarias e directivas na Galiza e a influencia deste no seu desempeño profesional.

A media de idade das persoas que participaron é de 47.01 anos, casada en 52.6% de casos, e cunha media de 1.20 fillos. Son muller con ampla experiencia laboral e cun alto nivel de formación: a media no mercado laboral é de 19.57 anos, e con 9.91 anos no posto actual (empresaria ou directiva). 82.41% conta con formación universitaria.

Esgotamento emocional, despersonalización e baixa realización persoal

Entre os principais achados tras a análise da información recollida está o feito de que máis do 50% das enquisadas reportan síntomas de esgotamento emocional, despersonalización e baixa realización persoal, xunto coa percepción de risco para a saúde vencellada ao traballo; isto ten un impacto claro na produtividade, de xeito que 53,54% das empresarias e directivas non alcanza o rendemento laboral esperado, cunha redución media de 26,44%.

Como factores de risco que explican a alta prevalencia da síndrome de ‘burnout’, o estudo apunta a falta de conciliación entre vida laboral e persoal e a carencia de recursos adecuados. Descóbrese ademais a importancia dos trastornos do ánimo no desempeño da actividade laboral: a enquisa amosou que hai unha alta frecuencia de ansiedade e outros trastornos do ánimo, como as dificultades no sono, que impactan na concentración e na toma de decisións.

Entre os signos de tipo ansioso, predominan nas mulleres enquisadas as dificultades para relaxarse, sentirse preocupadas e excitadas; estes signos están presentes en máis de 70% da mostra, ademais das alteracións do sono. Entre os de tipo depresivo son frecuentes os relativos á percepción de pouca enerxía. Todas estas alteracións vincúlanse coa diminución de produtividade.

Como contrapeso a eses factores de risco, a enquisa mostrou a importancia da resiliencia, pois a pesar dos desafíos, as enquisadas mostran unha alta capacidade de adaptación e recuperación fronte a unha situación adversa e un compromiso firme coa súa contorna laboral, aínda que descoidan as súas necesidades persoais.

Susana Martínez, quen ademais de investigadora do IDEGA é catedrática da Universidade de Murcia, considera que esta investigación “subliña a urxente necesidade de abordar o burnout e os trastornos do ánimo nas mulleres líderes da Galiza  para fomentar unha contorna laboral máis saudable e produtiva· unha peza clave do armazón empresarial”. A profesora Martínez atópase no IDEGA da USC como beneficiaria do Programa para a Recualificación do Sistema Universitario Español.