SUMÁRONSE ÁS MÁIS DE 25.000 QUE SE ENTREGARON NO PARLAMENTO GALEGO.

Máis de 10.000 adhesións ao manifesto de apoio a Preescolar na Casa

O manifesto solicita que se reconsidere a decisión de non tratar no pleno do Parlamento dos próximos días 27 e 28 de xuño a ILP de Preescolar na Casa.

 

Ao tempo que entregaban as sinaturas á Consellaría de Traballo e Benestar, tiña lugar unha concentración da CIG e traballador@s do programa diante do edificio administrativo da Xunta de Lugo. Interviñeron o secretario comarcal da central nacionalista, Xosé Ferreiro, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e representantes de Preescolar na Casa. Estiveron tamén presentes as deputadas do BNG no Parlamento Galego, Carme Adán e Isabel Sánchez Montenegro, o portavoz municipal do BNG, Xosé Antón Bao, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, e o candidato nacionalista á presidencia da Xunta, quen alertou sobre o perigo que corre a atención educativa @s nen@s do rural galego, e se comprometeu a “recuperar este servizo indispensábel”.

Segundo Anxo Louzao, a desaparición do servizo non responde a razóns económicas senón “políticas e ideolóxicas”: o PP non quere un modelo de ensino “inserido na realidade do país”, co galego como lingua, e que non lle sirva “como axente de control caciquil”. A Xunta amosa moi pouca sensibilidade, ao seu ver, tomando unha decisión que supón o despido de máis de 30 traballadores, ”cando podería asegurar o seu mantemento cos orzamentos que dedica a un dos concertos con centros que segregan alumnado”.

No escrito lémbranse as case 26.000 sinaturas que @s traballador@s de Preescolar na Casa reuniron en menos de mes e medio para acompañar á ILP presentada no Parlamento de Galicia, e os centos de adhesións, de individuais e asociacións demostran o recoñecemento ao bo traballo realizado nos últimos 35 anos e a súa vixencia, utilidade e necesidade a día de hoxe.

Apúntase que se trata dun programa valorado na sociedade galega, totalmente necesario, e considéranse as manifestacións da conselleira (que falou de Preescolar na Casa como un programa obsoleto e innecesario, “demostrando un descoñecemento do programa impropio de quen ostenta unha responsabilidade como a súa”. Son “unha burla aos profesionais, ás máis de 4000 familias que o estiveron utilizando e á sociedade no seu conxunto”.

Pola súa parte, Jorquera falou do programa como “referencia educativa para toda Galiza e mesmo a escala de Europa, un proxecto que recibiu múltiples premios, cuxo modelo foi imitado e aplicado por outros países”, e salientou a súa “función social de asegurar a igualdade de oportunidades”. Advertiu de que no contexto actual “recortar en educación é recortar no futuro, no principal activo que ten un país: a formación”.

Jorquera recalcou que esta decisión da Xunta é “estritamente política, non económica”: mentres se recorta en Preescolar na Casa, “fundacións, como a de Camilo José Cela, reciben subvencións millonarias”, ou crecen as axudas da Xunta “a centros de ensino privados que segregan aos nenos e nenas”.