PARLAMENTO

Máis de 2.000 persoas seguen a agardar entre 6 e 12 meses para se operaren

O BNG entende que con estas cifras o Sergas ''confirma a súa incapacidade'' para cumprir cos prazos fixados no decreto galego de garantía cirúrxica

Até 2.376 persoas continúan agardando por unha intervención cirúrxica na Galiza entre 6 e 12 meses, e 878 máis de un ano. As cifras deunas nesta quinta feira a voceira de Sanidade do BNG, Ana Luisa Bouza, ao formular unha pregunta na Comisión de Sanidade do Parlamento galego relativa á entrada en vigor do Decreto que regula as garantías para determinadas intervencións cirúrxicas.

A nacionalista quixo saber se o Sergas --Servizo Galego de Saúde-- considera "papel mollado" o texto, "ante a evidencia de non poder garantir os prazos estabelecidos para os tempos de espera". Uns tempos que, segundo Bouza, "imposibilitan" ao titular da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, a apoiar na Cámara galega unha lei que garanta prazos máximos de espera xa que "cun recorte continuo en recursos humanos e materiais resulta imposíbel cumprir o decreto".

Bouza reiterou que, desde o ano 2009, "as listas de espera empeoraron" e na comparativa anual segue confirmándose esta tendencia. A parlamentaria engadiu que o Goberno galego é "incapaz" de cumprir os tempos "mesmo nos cinco tipos de intervención estabelecidos" polo decreto: cirurxía cardíaca valvular e coronaria, prótese de cadeira e xeonllo.

Plan de drogas sen fondos
Na mesma comisión parlamentaria, a deputada nacionalista preguntou polo recorte nas partidas do Goberno español para o ano 2012 destinadas ao Plan nacional de drogas e as medidas do Goberno galego para garantir o funcionamento dos dispositivos de prevención e asistencia.

Neste sentido, Bouza criticou que o director Xeral de Saúde, Manuel Varela Rei "non comprometeu" ningún financiamento destinado ao Plan de drogas nin reclamación perante o Goberno do Estado para o financiamento deses dispositivos.