Máis do 80% das mámoas do Morrazo están “en perigo” polos proxectos eólicos

Mámoa do Rei, situada en Vilaboa (comarca de Pontevedra). (Foto: Megaliticia)

287 elementos do Patrimonio Cultural morracense están potencialmente afectados polo Parque Eólico no Morrazo.

Máis do 80% das mámoas rexistradas no Morrazo están ameazadas polos polígonos eólicos proxectados nesta comarca. Este é o dato máis preocupante do informe difundido esta terza feira pola Plataforma Eólicos no Morrazo Non sobre o Patrimonio Cultural da comarca afectado pola Área de Desenvolvemento Eólico (ADE). Non menos preocupantes, indica a plataforma, son outros datos: 3 de cada 10 Bens de Interese Cultural (BIC) do Morrazo están afectados, así como un 16% do total do Patrimonio Cultural.

Con respecto á “escasa información pública” que se dispón sobre o proxecto de Parque Eólico no Morrazo, promovido por Arena Power, cabe destacar a proximidade dos aeroxeradores con elementos como a mámoa da Chan do Gagán: unicamente 13 metros separan o seu contorno de protección do voo das pás do aeroxerador Ballestrinque 16. Da mesma maneira, o petróglifo do Gorgullo quedaría a 44 e 109 metros doutros dous aeroxeradores.

Cun grao de protección maior, elementos BIC como a mámoa da Chan da Arquiña, terá un muíño a 152 metros do seu contorno de protección, ou a Mámoa do Rei, a 318 metros.

Segundo denuncia a Plataforma Eólicos no Morrazo Non, hórreos, achados, xacementos e muíños completan unha longa lista de patrimonio cultural “realmente próximo” ás localizacións das infraestruturas eólicas.

A parroquia con maior número de elementos afectados pola ADE é Cobres, con 95 elementos, e Piñeiro, con 57, é o que conta con maior proporción de elementos afectados, máis da metade do total. Do conxunto de patrimonio localizado nesta área, o de interese etnolóxico (hórreos, muíños ou fontes) é o máis afectado, o 67 %, aínda que o arqueolóxico conta cun 29%, principalmente mámoas e petróglifos. Elementos de interese artístico tamén están afectados pola ADE, tales como a igrexa parroquial, o cemiterio e a casa reitoral de Ermelo, a Capela do Pirelo no Pereiro, a Ermida de San Lourenzo en Domaio e varias pontes, casas e conxuntos tradicionais.

O informe do que sei fai eco a plataforma conclúe salientando a urxencia de parar “o antes posíbel” este proxecto, “para que non pase como no Acibal ou no Iribio” (proxecto que foi anulado polo TS despois de ter destrozado a serra). Ademais, incide en que un único aeroxerador “abrirá a porta a máis Parques Eólicos” e en que 287 elementos do Patrimonio Cultural están potencialmente afectados.

A Plataforma Eólicos no Morrazo Non insiste en que a cuestión “non é cal sería a mellor localización dos aeroxeradores para causar o menor dano posíbel”, senón que sinalan que o debate “debe centrarse en eliminar a Área de Desenvolvemento Eólico nunha comarca tan poboada e con tanta riqueza patrimonial, para que non teñamos cada certos anos unha ameaza como esta enriba da mesa”.