Sanidade Pública

Máis dun cento de veciñas de Moaña esixen a Sanidade urxencias e persoal

Protesta da veciñanza de Moaña (O Morrazo) ante a Consellaría de Sanidade en Compostela. (Foto: Nós Diario)
Este domingo fan 148 semanas consecutivas de protestas.

Uns 120 veciños e veciñas de Moaña manifestáronse esta quinta feira diante da Consellaría de Sanidade en Compostela para seguir reclamando unha atención sanitaria de calidade no municipio. A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos (BNG), dixo que a veciñanza alcanza este domingo 148 semanas de protestas para "reclamar servizos que non se nos prestan".

A Mesa Local de Sanidade, que leva traballando no Concello dende decembro de 2021, levará ao pleno deste mes de setembro unha moción para exixir da Consellería a recuperación das urxencias na Casa do Mar, a cobertura das vacantes do persoal médico, o reforzo das ambulancias na comarca do Morrazo e a construción dun Centro Integral de Saúde (CIS) en Moaña.

Na Mesa Local de Sanidade de Moaña están representados todos os partidos da corporación, SOS Sanidade Pública e diferentes colectivos e asociacións do municipio. Na pandemia, a Consellaría de Sanidade deixou Moaña sen atención de urxencias, que pasaron a Cangas. Desde entón e a pesar das reiteradas promesas de Sanidade e o Sergas, a veciñanza de Moaña non ten servizo de urxencias e ten que desprazarse a Cangas. A alcaldesa reiterou a esixencia de que "nos devolvan as urxencias á Casa do Mar de Moaña".

Logo da pandemia, e cos "incumprimentos reiterados" por parte da Consellería, a Mesa Local comezou en decembro de 2021 a convocar as protestas que cada semana realizan os veciños e veciñas, e que chegan xa a 148 semanas. Reclaman o regreso das urxencias a Moaña, pero tamén denuncian que o centro de saúde está "practicamente sen médicos polas tardes". Segundo explicou a Nós Diario a alcaldesa, "tería que haber cinco médicos na quenda de tarde, só hai tres e algún de baixa, así que na realidade polas tardes atenden no centro de Saúde entre un e dous médicos". Este verán a situación mesmo se agravou e durante un mes, entre o 17 de xullo e o 16 de agosto, o centro de saúde de Moaña "estivo sen médicos polas tardes", denuncia a rexedora.

Transporte sanitario e CIS

O problema sanitario que sofre O Morrazo vese agravado pola falta de transporte sanitario urxente. O traslado das urxencias a Cangas provocou un aumento dos tempos de resposta diante de emerxencias. O Morrazo está sen ambulancia medicalizada (o conselleiro de Sanidade anunciou por primeira vez esta semana unha destas ambulancias para Moaña) e isto ten provocado que no ano 2022, polo menos tres persoas cuha emerxencia sanitaria tiveron que agardar máis de 30 minutos por unha ambulancia cun equipo médico.

Na última reunión entre a Mesa Local de Sanidade e a Consellaría o Concello do Morrazo puxo unha solución enriba da mesa, a localización en Moaña dun Centro Integral de Saúde (CIS) aproveitando as obras de ampliación que a Xunta está a levar a cabo no centro de saúde. Segundo explicou a alcaldesa, "Sanidade puxo como escusa que en Cangas non ofrecían terreos para facer este CIS, pero o Concello de Moaña xa lle deu a solución, ampliar as obras que están a facer no centro de saúde e convertelo nun CIS". Leticia Santos sinalou que esta opción "é factíbel" pero denunciou que até o de agora a Xunta "parece que o descarta aínda que se comprometeron a voltar estudialo".

Mentres tanto, a veciñanza e o Concello de Moaña anunciaron xa que seguirán traballando na consecución da sanidade pública que merecen, tanto pola vía institucional coma das protestas e a mobilización social que están a levar a cabo para rematar coa falta de recursos que padecen para garantir aos seus veciños e veciñas unha atención sanitaria de calidade.