Máis e mellor en Ribadiso

Persoas usuarias da área recreativa de Ribadiso. (Foto: Concello de Arzúa)
Lecer, identidade e memorias na Ulloa.

Moitas son as xeracións que decorreron pola área recreativa de Ribadiso na localidade de Arzúa (comarca homónima) e moitas son as que esperan continuar a desfrutar do lecer á beira do río. É, por este motivo, que o Goberno local reabriu a zona e o seu estabelecemento particular -O Chiringuito- despois do seu feche en 2019.

Esta iniciativa  responde a un interese por "recuperar a contorna natural e recreativa do Ribadiso", segundo relata Daniel Moscoso, concelleiro de Infancia, Xuventude e Medio Ambiente, a Nós Diario. O Goberno local afanouse en devolver á zona o seu atractivo pasado, tanto como " área verde e natural" -con espazos de carballeiras e zona fluvial- como espazo de cohesión e reunión veciñal.

Neste senso, pór en funcionamento o estabelecemento era clave para conseguir os seus obxectivos, sobre todo, tras anos en que o local saíse a concurso sen resultado. Foi entón cando pensaron desde o Executivo municipal que podían dotar a proposta dun "plus" coa creación dun programa cultural propio, que comezou no día da reapertura o pasado 12 de xullo, e que permitiu "darlle un espazo diferente ás familias máis alá dun parque normal", á vez que tirar dun ocio asociado á cultura dos bares e terrazas.

Malia todo, a iniciativa do Concello de Arzúa para a zona lúdica de Ribadiso é moito máis ambiciosa e aposta por unha mellora integral da contorna do local. Así, ano tras ano, queren implantar novos cambios e implementar melloras como a limpeza do río, cuestión pendente para o próximo verán e pola que o alcalde Xoán Xesús Carril "xa comezou a falar con Augas de Galiza", afirma o concelleiro.

Tamén está na axenda municipal renovar as pistas deportivas de fútbol e baloncesto para a cativada. Todo para converterse en "referencia no interior do país" e demostrar que no rural hai grandes espazos de lecer con moito potencial.

 O Chiringuito
Ribadiso (Arzúa) / Horario: de segunda feira a quinta feira de 16 a 1 horas e de sexta feira a domingo de 12 a 1 horas / 604080521