Máis de cinco mil participantes competiron na Coruña nunha reivindicativa Carreira da Muller

(Foto: Concello da Coruña)
A recadación a proba vai para a Asociación Española Contra o Cancro e a Asociación de Mulleres con Discapacidade da Galiza. Esta edición rendeu homenaxe ás xogadoras do Deportivo.

Este domingo tivo lugar unha nova edición da Carreira da Muller na Coruña, iniciativa na que correron máis de 5.000 participantes. Foi unha mañá chea de actividades, que tiveron o seu punto de encontro na explanada do Palacio dos Deportes, desde onde partiu a proba. A concelleira de Turismo, Diana Cabanas, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, entregaron os premios ás persoas gañadoras.

Ademais da carreira, as participantes puideron participar nun festival de fitness e aeróbic. Esta edición rendeu homenaxe ás xogadoras do Deportivo. Ademais,  puxéronse á venda 50 dorsais solidarios a favor da Asociación de Mulleres con Discapacidade da Galiza (ACADAR). A recadación do circuíto foi destinada á Asociación Española contra o Cancro.

 

A Coruña é unha das poucas cidades que contan con esta proba. O seu obxectivo é incorporar masivamente a muller á práctica deportiva unindo solidariedade e loita contra o cancro de mama, e reivindicando o papel das mulleres e das deportistas na sociedade. Ademais, todas as participantes luciron o dorsal 016, número de atención contra a violencia machista.

O Goberno de Inés Rei apoia e promociona este evento, un dos de maior éxito entre as carreiras populares da cidade, polo seu carácter reivindicativo e solidario. A contorna de Riazor luciu un grande ambiente, con música e diversas actividades organizadas por patrocinadores e colaboradores.