Máis unha mobilización en defensa do emprego no ensino público

Nos tres anos de goberno do PP destruíronse 2.500 postos de traballo, para alén da rebaixa nos salarios e nos dereitos laborais: non se cubrirán as baixas nos dez primeiros días, aumenta a carga lectiva, até 778 profesoras e profesores terán que impartir materias en que non son especialistas e @s substitut@s viron como lle recurtaban o soldo dos meses de verán

Un Jesús Vázquez cabezudo, motoserra en man, enfiou cara ás portas da Xunta, en San Caetano, abrindo paso á manifestación de persoal docente, interin@s e substitut@s, en defensa dos seus dereitos laborais. Foron ao redor de 200 as persoas que fixeron parte desta nova mobilización convocada por CIG-Ensino e que secundaron as consignas lanzadas de 'Non aos despedimentos en educación' ou 'Na nosa man está que non volvan recortar'.

Ao fío, o secretario nacional da federación de Ensino no sindicato nacionalista, Anxo Louzao, sinalou que o obxectivo da acción foi "amosar o rexeitamento absoluto á política de recortes do PP", que mudou as promesas da creación de emprego lanzadas en campaña electoral polas tesoiras, para destruír en tres anos máis de 2.500 postos de traballo ligados ao ensino público, para alén de chuchar os salarios e os dereitos laborais --non se cubrirán as baixas nos dez primeiros días, aumenta a carga lectiva, até 778 profesoras e profesores terán que impartir materias en que non son especialistas e @s substitut@s viron como lle recurtaban o soldo dos meses de verán--.

Explica CIG-Ensino que a redución de prazas que é froito de medidas como a amortización de xubilacións, o incremento do horario lectivo do profesorado ou aumento da ratio de alumnado. Todas estas medidas afectan non só ao persoal interino e substituto, senón tamén ao funcionariado. Calcula a central que até 161 docentes con praza non teñen aínda un destino adxudicado a día de hoxe. As aulas inician na cuarta feira en infantil e primaria, e a segunda feira que vén na secundaria. A maiores, o número de docentes desprazad@s ascende a 400, ao redor do 25%.