Máis unha sentenza contra a política lingüística do PP

O Tribunal superior de xustiza de Galiza estima en parte o recurso presentado pola Real Academia Galega contra o decreto do plurilingüismo e resolve que a consulta vinculante ás familias e a potestade do alumnado para se expresar nas aulas na lingua da súa preferencia son disposicións ''contrarias ao dereito''


O Tribunal superior de xustiza de Galiza --TSXG-- vén de facer pública unha nova resolución en que tamén bota abaixo os dous alicerces do decreto do plurilingüismo en que o PP materializaba a súa política lingüística.

Nunha sentenza semellante á ditada en relación aos recursos presentados pola Mesa, Queremos Galego e CIG-Ensino, a máxima instancia xudicial do país entende que a consulta vinculante ás familias para que escollan a lingua materna en Infantil --artigo 5.2-- é "contraria a dereito", ao igual que o apartado terceiro do artigo 12 da norma 79/2010, en que se sinalaba que o alumnado tiña liberdade para se expresar nas aulas no idioma da súa preferencia.

Así as cousas, o Superior galego anulou as disposición sinaladas ao entender que "a Administración debe exercer a súa competencia e fixar a lingua predominante", ao tempo que devolve ao tellado da Xunta a pelota da lingua que o estudantado empregará nas aulas, ao subliñar que debe ser determinada polo goberno nacional.

Di o Tribunal que a participación das familias debe garantirse a través dos centros educativos, mais que as súas consideracións non poden ter un carácter vinculante. Ao respecto, recalca que "non cabe dúbida" de que a consellaría de Educación "abandonou a potestade de ordenación xeral do ensino" no momento en que o decreto entrou en vigor, ao determinar "decisivo" o resultado dunha pregunta que se lle fai ás nais e aos pais sobre a lingua en que queren que as crianzas sexan educadas na etapa de Infantil, até os seis anos. Lembra ademais que a Constitución española só lle recoñece posibilidade de escolla @s proxenitor@s con carácter vinculante nos supostos "de formación relixiosa e moral".

Respecto do artigo 12.3, sinala a sentenza que "é ilegal desde o momento en que, segundo a LNL e a doutrina do Tribunal Constitucional, a lingua galega será con carácter xeral o vehículo de comunicación no ensino non universitario".

Cómpre lembrar que tal disposición situaba o galego nunha postura menos favorábel non só que o español senón tamén que a lingua estranxeira, nomeadamente inglés, ao sinalar que o alumnado escollería a lingua da súa preferencia en que se expresar na aula agás nas materias de lingua e literatura galega e española, e na lingua estranxeira. Acrecenta o TSXG que tal artigo "non facilita a adquisición da destreza esixida ao alumno na lingua propia" na medida en que permite que non a fale nin a escriba.