Máis un ‘venres negro’ na CRTVG: “contra a manipulación, a privatización e a desmotivación”

O persoal da televisión e radio públicas galegas mantén por 15 sexta feira consecutiva a súa loita para demandar uns medios libres e se censura.

De novo a roupa negra, de novo as mensaxes nas redes sociais para demandar a fin da censura e manipulación na CRTVG, de novo vídeos (desta vez de pandereiteiras como Tanxugueiras ou Rebuldeiras, entre outras) en apoio aos traballadores e traballadoras dos medios públicos galegos…  De novo, un venres negro’ –e xa van 15 seguidos- no que se estende a denuncia de censura e manipulación na CRTVG.

 

Os comités de empresas de CRTVE-Galicia e da CRTVG chaman as traballadoras para participar o próximo 8 de setembro nunha manifestación unitaria en Compostela. A saída será ás 10:30 horas desde as instalacións da canle pública galega en San Marcos para despois pasar pola sede da CRTVE, no mesmo lugar. A marcha finalizará na praza de Praterías arredor das 12:30 horas, onde se procederá á lectura dun manifesto. As artistas Uxía, Guadi Galego e Xabier Díaz participarán coa súa música no acto.

 

Desde as empresas públicas denuncian “o uso político e partidista dos medios, o control gubernamental, a falta de independencia e a manipulación informativa”, enumera Raquel Lema, membro do comité de empresa da CRTVG. Dentro da problemática interna de cada medio, as traballadoras da corporación pública galega reclaman a creación dun consello de informativos, prevista desde a lei de medios públicos da Galiza, do ano 2011. “Non interesa crealos, e cremos que é importante para poder erradicar a manipulación informativa”, apunta.

 

A traballadora chama a atención sobre as “represalias directas” que está a vivir o persoal da CRTVG a causa destas mobilizacións, con especial atención á apertura dun expediente disciplinario á xornalista Tati Moyano, presentadora de informativos. “Xa había indignación e con isto a xente está realmente enfadada e decepcionada coa dirección. Atacar a Tati é atacarnos a todos”, engade. Lema fai un chamamento “a toda a sociedade” para acudir á manifestación do vindeiro sábado 8 de setembro, “para que nos axuden a reclamar a independencia dos medios públicos, que tomen conciencia da situación deles, e que nos axuden a recuperalos para a cidadanía”, declara.