“Mañá faranse rexistros”: O Goberno de Raxoi recibía avisos sobre as actuacións da ‘Pokemon’ contra Besteiro

CRistóbal Montoro e Núñez Feixoo

O ex ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, recibiu información sobre decisións da xuíza que levaba o caso, Pilar de Lara.

O ministro de Facenda do Goberno de Mariano Raxoi, Cristóbal Montoro, recibiu en xullo de 2014 un mail do seu xefe de Gabinete no que o avisaba de que Vixilancia Aduaneira, por orde da xuíza Pilar de Lara, ía levar a cabo rexistros na Deputación e o Concello de Lugo, dentro da investigación do caso ‘Pokémon’.

Naquel momento, ambas as institucións estaban gobernadas polo PSdeG, con José Ramón Gómez Besteiro, e José López Orozco. Ambos os dous estiveron afastados da política por actuacións xudiciais contra eles que acabaron sendo finalmente arquivadas.

Segundo publica El Periódico de España, o mail enviado 21 de xullo de 2014 por Felipe Martínez Rico aos entón ministros, dá datos concretos da operación que ordenara a que era titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo: “Mañá e pasadomañá o Servizo de Vixilancia Aduaneira fará rexistros na Deputación e no Concello de Lugo, por decisión do xuíz que leva a instrución de Pokémon”.

O “obxectivo” do rexistro, segundo a comunicación, era “localizar información dos equipos informáticos de varios funcionarios que xa están imputados na instrución do caso”.

Vixilancia Aduaneira é unha Dirección Adxunta que depende, orgánica e funcionalmente, do Departamento de Aduanas e Impostos Especiais e está integrada na Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), que pertence ao Ministerio de Facenda.

A última causa xudicial que tiña pendente José Ramón Gómez Besteir  foi arquivada en decembro de 2022. A xuíza do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo decretou daquela o sobresemento da Operación Pulp, que investigaba as presuntas adxudicacións irregulares de contratos da Deputación a empresas propiedade do dono de Monbus acusadas de pagar subornos a altos cargos da institución.