Mañá nubrada e húmida no litoral atlántico da Galiza: un fenómeno habitual tras días de anticiclón

Santiago de Compostela amenceu baixo un ceo nubrado. (Foto: Europa Press)
Ocorre tras xornadas de anticiclón e con ventos do nordés que deixan o ceo limpo de nubes pero que, no entanto, provoca un arrefriado da temperatura do mar, sobre todo nas Rías Baixas.

A maior parte das provincias da Coruña e Pontevedra amenceu esta cuarta feira con ceos cubertos de nubes e con humidade, un fenómeno coñecido como "néboas de advección" que é habitual na metade atlántica galega tras varios días consecutivos de anticiclón. É algo "completamente normal e que pasa todos os veráns", explica María Souto, de Meteogalicia, en declaracións á axencia Europa Press. Ocorre tras xornadas de anticiclón e con ventos do nordés que deixan o ceo limpo de nubes pero que, no entanto, provoca un arrefriado da temperatura do mar, sobre todo nas Rías Baixas.

Desta maneira, cando pasados os días o anticiclón retírase e pérdese o nordés, entra vento desde o oeste que arrastra cara a terra a humidade e o frío que estaba sobre a superficie da auga e condénsase. As néboas de advección, sostén Souto, non chegan a Lugo e Ourense, que esta cuarta feira continuarán con ceos despexados a pesar de que algún vento do oeste si podería afectar. Por isto mesmo, no interior "vai facer calor, pero non vai subir tanto como onte a temperatura".

A vaga de calor deixou esta terza feira en Ourense o valor máis alto do que vai de ano (42,5 graos) nun contexto de alerta laranxa. Para esta cuarta, a previsión é que as temperaturas máximas na cidade das Burgas queden na contorna dos 38, cun aviso de nivel amarelo que tamén afectará á parte sur da provincia e a todo Lugo, agás a comarca da Mariña.

No litoral atlántico, as néboas da mañá poderán rachar desde mediodía ou primeira hora da tarde, se ben continuará a influencia da humidade e este fenómeno repetirase na xornada da quinta feira. 

A calor non golpeará duramente as cidades do eixo atlántico como si o fixo na terza feira. Así, Ferrol alcanzará os 30 graos e A Coruña os 28 ºC, pero Santiago, Vigo e Pontevedra quedarán na contorna dos 25 ºC.

Risco de incendios

En paralelo, o mapa de risco de incendios forestais que cada día elabora a Consellaría do Medio Rural da Xunta advirte de que toda a provincia de Ourense, Lugo —agás A Mariña e varias zonas das de Pontevedra e A Coruña estarán en nivel extremo. Ademais, o resto da Galiza ficará en risco alto e moi alto, salvo en puntos da Costa da Morte e a península do Barbanza.