A voz de centos de persoas contra as touradas óuvese en Pontevedra

Segue a se considerar unha "tradición" a mutilación e asasinato público dun animal. Centos de persoas saíron ás rúas de Pontevedra, nas festas da Peregrina, para reclamaren unha cidade sen touradas, unha práctica que constitúe tortura animal e "non ten nada que ver coa nosa cultura". 
VÍDEO NO INTERIOR.


Facer espectáculo da morte e o martirio do touro é unha pseudo-tradición que xa se superou en Catalunya e Canarias, onda as touradas foron abolidas. Na cidade de Pontevedra xuntáronse varios centos de persoas para deixaren ben claro nas rúas que a sociedade civil non as quere: a plataforma "Touradas fóra de Pontevedra", convocante da manifestación que se desprazou polas rúas da cidade este sábado ás 20.00, e rematou na Praza da Peregrina, afirma que o 90% da poboación considera que a tortura animal como diversión ten que ser suprimida, e a maioría da poboación nunca asistiu nin asistirá a unha.

Este "espectáculo" cruel, para goce dunha minoría, e alleo á nosa tradición cultural, con todo, é financiado con cartos públicos, polo que a plataforma reclama ao goberno do Estado que paralice a súa promoción e subvención con cartos públicos (cífranos en 600 millóns de euros), e faga os cambios  exislativos necesarios para a abolición das touradas.

Tamén lle demandan á Deputación de Pontevedra que deixe de subvencionalas de forma "directa" ou "encuberta" (60.000 euros recoñecidos), e ao  Parlamento, a modificación da Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade que exclúe no seu artigo 5º as touradas, para que prohiba estas actividades.

Por último, pídenlle ao Concello de Pontevedra que cese o uso de espazos públicos para lles dar promoción ás touradas, e a declaración de Pontevedra como  "Cidade Antitouradas e amiga dos Animais", e propoñen reconverter a Praza de Touros para usos culturais.