Esta é a 'manipulación' da CRTVG sobre o acordo BNG-PSOE que incendia as redes

Redacción da CRTVG nos estudos de San Marcos, en Compostela. (Foto: CRTVG)
Colectivos de persoal que traballa na CRTVG como Defende a Galega veñen denunciando desde hai anos a "manipulación" e falta de pluralidade nos medios públicos galegos.

Desde que a Xunta da Galiza mudou de cor en 2009, as queixas por manipulación na televisión e radio públicas galegas (CRTVG) veñen sendo constantes con numerosos exemplos que evidencian que, de facto, a pluralidade brilla pola ausencia nos medios públicos do país.

Así o veñen denunciando colectivos de persoal que traballa na CRTVG como Defende a Galega que xa encadea anos de loita por uns medios públicos na Galiza que non manipulen e que dean información veraz e plural.

Nas últimas horas unha nova polémica incendiou as redes. Vén dada polo acordo alcanzado a sexta feira entre o BNG e PSOE para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno español. Este acordo inclúe múltiples compromisos para a Galiza como a instauración dun servizo de tren de proximidade ou a condonación de débeda pública galega.

Foi precisamente isto último o que propiciou a polémica. Inicialmente, G24, da CRTVG publicou un chío na rede social X (antiga Twitter) en que informaba deste acordo, en concreto do punto da débeda:

Podía lerse, porque pouco despois a conta de G24 eliminaba o chío para publicar un sobre o mesmo tema mais un tanto diferente. No novo chío podía lerse o seguinte:

Unha mudanza que non pasou desapercibida polas persoas usuarias da rede social que non tardaron en achegar capturas de pantalla para demostrar a mudanza que foi cualificada por moitos como “manipuladora” e que mesmo achacaban a unha orde do propio titular do Executivo galego, Alfonso Rueda que respondería á estratexia do PP estatal de criticar baixo calquera concepto os acordos entre nacionalistas e socialistas.

Resposta da CRTVG

Sorprendentemente para moitas persoas, a conta de G24 respondeu a estas acusacións, algo que nunca tiña acontecido. Segundo eles a mudanza ten unha explicación e débese a un erro que atribúen a unha axencia de noticias da que, aparentemente, sacaron a noticia. De acordo con G24, a axencia enviou unha "corrección" de dita información e, sendo que X non permite editar chíos, desde G24 "víronse na obriga" de eliminar a publicación e facer unha nova.