"En mans de quen estamos?": Vítimas do Alvia solicitan reunirse con Óscar Puente

Mobilización das vítimas do accidente do Alvia decorrida o pasado 24 de xullo en Compostela. (Foto: Arxina)

A Plataforma de Vítimas Alvia 04155 cuestiona a continuidade de Esther Mateo como directora de Seguridade de Adif por “faltar á verdade no xuízo”.

A Plataforma de Vítimas Alvia 04155 dirixiuse ao ministro español de Transportes, Óscar Puente, para solicitarlle unha reunión e abordar con el cuestións como a necesidade dunha investigación técnica independente arredor das causas da traxedia —que deixou 79 falecidos e 143 lesionados o 24 de xullo de 2013 tras o descarrilamento acontecido na entrada de Santiago de Compostela—, ademais de trasladarlle a súa "preocupación" pola continuidade de María Esther Mateo como directora de Seguridade de Adif, que "faltou á verdade no xuízo".

As vítimas fan esta petición un mes despois de que se coñecese a sentenza por estes feitos, unha resolución do xulgado do Penal 2 de Santiago de Compostela que condenou a dous anos e medio de prisión o maquinista do convoi, Francisco José Garzón, e ao que na altura era xefe de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte.

Nunha misiva dirixida ao ministro, a Plataforma traslada a súa "esperanza" polo feito de que Óscar Puente ocupe o ministerio de Transportes, xa que como alcalde de Valladolid manifestoulles o seu apoio expreso e aprobou unha moción (en 2016) para pedir unha comisión de investigación composta por técnicos e expertos independentes.

Agora, 11 anos despois do sinistro ocorrido na curva da Grandeira, tras un xuízo que durou 10 meses (entre outubro de 2022 e xullo de 2023) e un mes despois de que se fixese pública a sentenza, as vítimas seguen reclamando esa investigación independente e insistiron en que a investigación "infame" levada a cabo pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), "culpaba exclusivamente o maquinista e non analizaba cláusulas raíz" que afectan o Ministerio de Transportes, Renfe e Adif.

Respecto diso, lembraron a Óscar Puente que a propia xuíza, na súa sentenza, ve "incomprensíbel" que o administrador de infraestruturas ferroviarias deixase ese tramo da vía "sen protección", recaendo toda a responsabilidade no maquinista, e sen analizar os riscos a pesar da obrigada normativa. Por iso, advertiron de que non facer unha investigación independente pon "a todos en risco", porque non se poden tomar medidas para "para evitar que feitos tan terríbeis volvan repetirse".

Por outra banda, a Plataforma manifestou na carta a súa preocupación pola continuidade de Mateo como directora de Seguridade de Adif xa que, a pesar de que a sentenza e a propia UE "deixaron claro que a liña non era segura", este alto cargo presentou unha peritaxe para tratar de demostrar que si había esa seguridade "e que non hai curvas perigosas". "En mans de quen estamos? Ademais, como lle demostraremos, faltou á verdade no xuízo", continúa a carta.

Os afectados pedirán tamén ao ministro "saber se Adif vai recorrer a sentenza", tal e como xa avanzou o ente, ou se pola contra "vai asumir as súas responsabilidades e pedir perdón" para "deixar de seguir xerando sufrimento a vítimas e familiares". Finalmente, na misiva dirixida a Óscar Puente, a plataforma tamén expón a súa "inquietude" ante a recentemente creada Autoridade para a Investigación de Accidentes.

O procedemento está pendente agora dos recursos que poidan formalizarse ante a Audiencia Provincial da Coruña, cun prazo que se esgota o 10 de setembro (salvo que a maxistrada acorde amplialo). Polo menos a representación do maquinista e Adif confirmaron a súa intención de recorrer.