Un 'maratón de biodiversidade' pon en valor a contorna natural do río Arnego

Estudantes do IES Marco do Camballón coñeceron o proxecto de custodia do territorio de Adega no Arnego. (Foto: Nós Diario).
Alumnado de 1º da ESO do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces (O Deza) participou esta segunda feira nun maratón de biodiversidade no río Arnego, unha actividade de custodia do territorio organizada pola asociación ecoloxista Adega. 
 

Unha vintena de estudantes deuse cita esat segunda feira na Zarra da Pena, en Agolada (O Deza), no seu primeiro bioblitz, un evento participativo de ciencia cidadá durante o cal se achegan á contorna máis próxima para facer inventario e rexistrar o maior número posíbel de especies nun tempo determinado.

Convidada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), a rapazada percorreu a pé durante case catro horas boa parte do predio con cuxos propietarios Adega mantén un acordo de custodia do territorio desde 2016 e onde desde entón traballan pola conservación e posta en valor de toda a contorna fluvial.

Riqueza natural

A Zarra da Pena conta cunhas 20 hectáreas distribuídas sobre o terreo en forma de 'U', moi perto do río Arnego, afluente do Ulla, mais tamén cuns dos bosques mixtos mellor conservados da Galiza: os Sobreirais do Arnego, que estenden a riqueza natural propia do clima mediterráneo aos concellos veciños de Lalín e Vila de Cruces.

Neste contorno, rodeadas de sobreiras, salgueiros, carballos, freixos e ameneiros, as estudantes atenderon as explicacións de Itziar Díaz e Ramsés Pérez, os técnicos de Adega encargados de guiar o grupo. 

"O que facemos aquí é unha descuberta da biodiversidade, rastrexando en poucas horas o maior número de especies de flora e fauna", sinala Ramsés Pérez a Nós Diario. Segundo destaca, esta experiencia de ciencia cidadá permite a identificación de especies ameazadas que dan valor e "axudan a conservar este espazo natural protexido".

É o caso da Elona Quimperiana ou caracol de Quimper, "unha especie catalogada que, ante posíbeis ameazas, serve para que este lugar acubille maior biodiversidade, interese e protección". 

Tamén os morcegos, aos que Ramsés Pérez dedicou tempo antes de afondar no uso cultural de espazos como o Sobreiral do Arnego, onde "sempre se deu un aproveitamento sostíbel da cortiza das sobreiras".

No seu percorrido, as estudantes do Marco do Camballón observaron xestas, codesos e estevas en flor; sentiron cantar un cuco e viron sobrevoar unha anduriña das rochas mentres atendían as explicacións dos membros de Adega que sinalaron "as especies exóticas invasoras e a invasión eólica" como principais ameazas do Sobreiral do Arnego, que na Zarra da Pena convive con bosque de ribeira e queirogais. "Vemos unha reforestación excesiva con piñeiro e eucalipto que xunto aos parques eólicos poñen en perigo a riqueza de todos estes hábitats", conclúe Pérez.

Proxecto Fluviatilis

O bioblitz que Adega organizou no Arnego esta segunda feira, 6 de maio, fai parte do proxecto en rede Fluviatilis, unha iniciativa promovida pola Fundación Biodiversidade (Ministerio para a Transición Ecolóxica), na que ademais da Galiza participan Cantabria, Catalunya, País Valencià e Murcia.

Difundir a riqueza e a problemática que ameza os ecosistemas fluviais é o obxectivo desta iniciativa que tamén contribúe á súa conservación con  intervencións de custodia do territorio.