Marca Feijóo: recortes orzamentarios de 2.000 millóns de euros no ensino público

Anxo Louzao

Ao tempo, denuncian desde CIG-Ensino, aumentaron baixo o mandato do PP as partidas destinadas ao ensino privado

O ensino público está baixo os gobernos de Núñez Feijóo en “involución” como dereito público fundamental. Nestes anos de mandato houbo uns recortes orzamentarios acumulados de 1.943 millóns de euros. Así o denuncia CIG-Ensino, que non dubida en denunciar que as políticas do goberno galego “acrecentan a desigualdade, a privatización e a segregación”.

O secretario nacional do sindicato maioritario no ensino, Anxo Louzao, ten claro que coas dotacións que a Xunta dispón para o ensino público afóndase cada vez máis no seu “deterioro e desmantelamento”. Afirma que a Consellaría de Educación conta para 2017 cun orzamento de 213 millóns de euros menos que en 2009 (redución do 8,92%). Ademais, segundo Louzao, os orzamentos da Consellaría de Educación perden cada ano máis peso. “Representaban o 27% do total en 2009 e agora só representan o 21,3%, polo que perderon case 6 puntos”.

Privado

Ademais, mentres os orzamentos da Consellaría de Educación só medraron o 2,86% as subvencións ao ensino privado (Capítulo IV) incrementáronse no 6,05%, chegando case aos 274 millóns de euros. Anxo louzao sinalou que os concertos educativos, incluídos os centros que segregan alumnado por razón de xénero, pasaron de 243 millóns de euros en 2016 a 246,2 millóns para este ano.

Polo que respecta ao orzamento destinado ao capítulo de persoal (Cap.I), que supón o 59% do total do da Consellaría, denunciou que “continúan reducíndonos os salarios e as pagas extras”. Así lembrou que o salario do profesorado se recortou desde o 2010 nun 18.5%, cunha perda acumulada que vai desde 24.000 a 42.000 euros, en función dos salarios das distintas categorías.

E os recortes e tesoiras non acaban aquí. Así, informou que o orzamento en comedores mantense en 28,8 millóns “e non se emprende a xestión directa e a expansión a todos os centros”.

O galego, o 0,065%

 “Os orzamentos destinados a fomento da nosa lingua representan unicamente o 0,065% do total dos orzamentos da Xunta de Galiza e decreceron nun 66% desde 2009, pasando dos 21,8 millóns en 2009 aos 6,8 millóns este ano, é dicir, 15 millóns de euros menos”, denunciou Anxo Louzao.

Ante estes orzamentos que continúan deteriorando o ensino público, a CIG Área Pública  concentrarase o día 25 de xaneiro e o 6 de febreiro diante do Parlamento.