“Maricón”, “Oxalá te viole un magrebí”: os insultos LGTBifóbicos contra o secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galiza

Xurxo Doval (Foto: Nós Diario).

Xurxo Doval denuncia os ataques sufridos estes días nas redes sociais e lamenta a “complicidade” cos insultos de membros da Dirección de Novas Xeracións, as mocidades do PP.

“Dexenerado”, “Oxalá te viole un magrebí”, “Maricón sen tetosterona”, “Retrasado e marica”.... Estes son só algúns dos insultos que recibiu estes días o secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galiza, Xurxo Doval, após publicar un vídeo nas redes sociais onde celebraba que o presidente español, Pedro Sánchez, decidise non dimitir e que continuase á fronte do Goberno español.

O propio Doval, a través dun comunicado público, dá á coñecer estes ataques e agradece o apoio recibido ante eles. Contra estes insultos, indica o secretario xeral de XXSS, “reafirmeime nas palabras do presidente: “Claro que paga a pena seguir”.

Foi entón, segundo Doval, “como me atopei con sorpresa como a vicesecretaria de Acción Social, a coordinadora xeral e o vicesecretario de Formación de Novas Xeracións (NNXX) da Galiza, que dándose por aludidos, non só non os condenaron [os insultos], senón que até se fixeron cómplices deles”.

No comunicado recoñece que non daba “creto ao que estaba a pasar”. Indica que os alertou do que estaba a pasar e as repostas foron foron que el era un “llorica” (choromiqueiro). “As NNXX, xente con nome e apelidos, a cara descuberta, estaban a ser cómplices da homofobia”.

“Que fixen eu? Estar feliz?”, pregúntase, ao tempo que recoñece estar “agobiado” e pide a Novas Xeracións “que condene a actitude, ataque e complicidade dos integrantes da súa dirección”.

Xurxo Doval agradece a súa familia e compañeiros o apoio, cariño e solidariedade amosada nestas horas e reitera que en política, como na vida, “non todo vale”, tampouco “denigrar colectivos sociais como é o LGTBI”.