Mariñeiros galegos esperan en balsas salvavidas un buque para o seu rescate nas Malvinas

Un barco nun operativo de rescate, nunha foto de arquivo (Foto: César Ortiz / Europa Press).
O pesqueiro Argos Xeorxia lanzou unha mensaxe de auxilio cando se atopaba a unhas 170 millas Este/Sueste do porto de Stanley (Porto Arxentino), nas illas Malvinas.

Os 27 tripulantes do palangreiro Argos Xeorxia, que nas últimas horas solicitaba axuda a 170 millas ao este de Stanley, nas Illas Malvinas, tras sufrir unha vía de auga, esperan en tres balsas salvavidas o rescate por parte do buque Robin M. Le -dunha empresa de Vigo-.

O Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo, situado en Madrid, sinalou que mantén comunicación directa co seu homólogo MRCC Falkland para coñecer o estado do operativo de rescate e a situación dos tripulantes.

O pesqueiro, con bandeira de Santa Elena e 27 tripulantes a bordo, lanzou unha mensaxe de auxilio cando se atopaba a unhas 170 millas Este/Sueste do porto de Stanley (Porto Arxentino), nas illas Malvinas.

Ao parecer, tal e como informa Salvamento Marítimo, tiña unha vía de auga provocada por unha tormenta. Finalmente, pasadas as 00.00 horas, a tripulación realizou o abandono en tres balsas salvavidas. Mentres, as condicións na zona son de 35 nós de vento e mar de fondo entre cinco e seis metros.

Salvamento Marítimo tamén detallou que a última conversación que tiveron coa tripulación foi ás 21 horas (18 hora local). Neste momento, explicou, está a levarse a cabo unha operación de rescate por aire (helicópteros e avións militases) e por mar. Espera a chegada do buque pesqueiro Robin M. Le (de bandeira das Illas Malvinas, mais dunha empresa de Vigo).

Primeiro aviso do Goberno local

Tal e como comunicou o Goberno local, a pasada tarde (hora local) a autoridade marítima das illas recibiu información de que este pesqueiro, con 27 persoas a bordo, estaba nunha situación perigosa e solicitaba asistencia a unhas millas ao este de Stanley.

Deste modo, iniciáronse comunicacións entre o Goberno das Illas Malvinas, o de Xeorxia do Sur e as Illas Sándwich do Sur, así como co cuartel xeral das Forzas Británicas nas Illas do Atlántico Sur, a Axencia Marítima, Gardacostas do Reino Unido, a compañía de buques pesqueiros e outros buques pesqueiros no mar.

Segundo a información do Goberno das Malvinas, a situación a bordo do Argos Xeorxia "deteriorouse nas últimas horas", polo que se está levando a cabo unha operación de rescate con medios marítimos e aéreos, incluídos varios helicópteros de procura.

Fontes confirmaron que se trata dun buque palangreiro e que a bordo se atopaban numerosos mariñeiros galegos. Así mesmo, outras fontes do sector consultadas sinalaron que varios pesqueiros galegos, entre os que se atopan o Robin M. Le, desprázanse até o punto para colaborar nos labores de rescate.