Marzo foi o segundo mes máis cálido no mundo desde que hai rexistros

A falta de xeo xa se sente en Grenlandia (Foto: Laura A. Stevens / MIT-WHOI).
O Servizo de Cambio Climático de Copernicus (C3S), implementado a través do Centro Europeo de Previsións Meteorolóxicas a Prazo Medio en representación da Comisión Europea con fondos da UE, publica cada mes boletíns sobre o clima que informan das variacións rexistradas na temperatura do aire en superficie, a cobertura de xeo mariño e as variábeis hidrolóxicas a escala mundial.

Marzo de 2023 foi o segundo máis caloroso a escala mundial, con temperaturas superiores á media nunha extensa franxa de superficie que abarca o norte de África, o suroeste de Rusia e a maior parte de Asia, onde se estabeleceron numerosos novos récords de temperatura neste mes, segundo datos extraídos do último boletín mensual do Servizo de Cambio Climático de Copernicus (C3S).

O documento detalla que o pasado mes houbo temperaturas superiores á media no sur e o centro de Europa, e inferiores á media na maior parte do norte do continente. Tamén se rexistraron temperaturas moi superiores á media no nordés de América do Norte, Arxentina e os países veciños, gran parte de Australia e a costa da Antártida, mentres que foi moito máis frío que a media no oeste e centro de América do Norte.

O Servizo de Cambio Climático de Copernicus (C3S), implementado a través do Centro Europeo de Previsións Meteorolóxicas a Prazo Medio en representación da Comisión Europea con fondos da UE, publica cada mes boletíns sobre o clima que informan das variacións rexistradas na temperatura do aire en superficie, a cobertura de xeo mariño e as variábeis hidrolóxicas a escala mundial.

Todos os resultados se basean en análises xeradas por computador que utilizan miles de millóns de medicións provenientes de satélites, buques, aeronaves e estacións meteorolóxicas en todo o mundo.

O boletín tamén ofrece datos sobre a situación do xeo mariño en marzo de 2023 e revela que a súa extensión na Antártida foi a segunda máis baixa para un mes de marzo no rexistro de datos por satélite, ao situarse en 28% por baixo da media, tras o mínimo récord de extensión marcado en febreiro.

As concentracións de xeo mariño foron moi inferiores á media en todos os sectores do océano Austral. Ademais, a cobertura de xeo mariño no Ártico situouse en 4% por baixo da media, o que supón a cuarta lectura máis baixa para un mes de marzo desde que se teñen rexistros por satélite.

En contraste coas concentracións de xeo mariño maioritariamente inferiores á media noutros sectores do océano Ártico, as concentracións foron moi superiores á media no mar de Grenlandia.

"Despois dunha extensión mínima récord en febreiro, o xeo mariño da Antártida marcou a súa segunda extensión máis baixa para o mes de marzo dentro do conxunto de datos de satélites de 45 anos, continuando así a tendencia a longo prazo de diminución do xeo mariño nas rexións polares. A vixilancia do clima é esencial para comprender estes cambios rápidos e continuos en ambos os polos", destaca a directora adxunta do C3S, Samantha Burgess.

A Península Ibérica, das zonas máis secas

En canto ás choivas, marzo de 2023 foi máis húmido que a media nunha parte de oeste a nordés a través do norte de Europa e sobre Turquía. Á parte de Europa, marzo de 2023 foi máis húmido que a media en zonas de Estados Unidos, varias rexións de Asia, o Corno de África, Nova Zelandia, o norte de Australia, parte do sur de África e o Brasil. En moitas rexións, as fortes precipitacións provocaron inundacións.

Entre as rexións que experimentaron condicións máis secas que a media durante o mes pasado figuran a maior parte da Península Ibérica (onde se deron condicións propicias para os incendios forestais), o arco alpino, partes de Europa Central, o leste dos Balcáns e a costa noroeste do mar Caspio.

Marzo tamén foi máis seco que a media na Arxentina, onde se sufriu unha seca persistente, así como no sur de Australia, o suroeste de África e partes de Asia. En moitos casos, estas condicións estiveron asociadas a temperaturas máis cálidas que a media.

Copernicus é un compoñente do Programa Espacial da Unión Europea. Trátase do seu programa insignia de observación da Terra, que opera a través de seis servizos temáticos: atmosfera, mares, terra, cambio climático, seguridade e emerxencias.