Unha escolma do papel

Matemáticas con nome de muller

María Wonenburger

Hai quen di que as matemáticas son frías. Eu non o creo. María Wonenburger falaba de números e álxebras con palabras propias dunha grande paixón. Así lembro o seu discurso do 16 de decembro de 2006 cando recollía o “Premio Muller e Ciencia de Galicia” na súa 1ª edición.

Baixo o sol de inverno, o MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galiza) acollía un dos primeiros recoñecementos públicos a unha muller singular da ciencia. As persoas que partillamos discursos aquela mañá de sábado sentíamos unha especial emoción. Un premio iniciaba a súa andaina co obxectivo de recoñecer os méritos e a traxectoria das mulleres creadoras no ámbito da ciencia e a tecnoloxía en Galiza e facíao coa presenza da propia Wonenburger.

 

Sensacións e reflexións tomaban forma de discurso formal na laudatio de Ana Tarrío á premiada. A daquela Vicerrectora de Organización Académica da UDC e unha das mulleres que redescubriu a figura de María Wonenburger na Galiza debullaba unha biografía intelectual e vital esquecida e que aínda ficaba por escribir naquela altura tan recente. Lembro o sorriso de María Wonenburger e as súas palabras de agradecemento. O seu pantalón gris e o xersei de punto.

 

Seguimos traballando e conseguimos que en 2007 o propio premio “Muller e Ciencia de Galicia” levase o seu nome. Logo a UDC en 2010 recoñeceríaa como Doutora Honoris Causa, xusto cen anos despois de que as mulleres acadaran o dereito a matricularse libremente na universidade. Nese mesmo ano o Consello da Cultura, a través da Comisión de Igualdade, organizaría a xornada “María Josefa Wonenburger Planells, na creación de coñecemento” que hoxe permite acceder a un arquivo sonoro e dixitalizado de vital importancia para estudos posteriores da súa figura.

 

María Wonenburger decidiu ser científica nun tempo difícil. Deixou a súa cidade d'A Coruña para comezar a Licenciatura de Matemáticas en Madrid en 1945, e desde o primeiro momento destacou na facultade. En 1953 recibía a concesión da prestixiosa bolsa Fullbright para realizar o doutoramento en matemáticas que cursou na universidade norteamericana de Yale, onde estudou cun dos alxebristas máis destacados do século XX, Nathan Jacobson. Desde Nova Iorque, Yale, Ontario ou Indiana, o seu traballo sempre gozou dun amplo recoñecemento. Publicou máis de vinte artigos nas revistas máis importantes e dirixiu oito teses de doutoramento. É unha autora citada en moitisimos traballos da súa especialidade, como por exemplo no prestixioso libro Fundamentos de Xeometría de Harold Scott MacDonald Coxeter ou na Xeometría dos grupos clasicos de Jean Dieudonné, un dos membros do famoso grupo Bourbaki. Foi a creadora da teoría das “álxebras de Kac-Moody” que se iniciou da man de Wonenburger cando dirixía a tese de Robert Moody. Esta teoría xoga un papel moi relevante na Física e nas matemáticas desde os anos setenta. Tamén foi unha especialista nas álxebras de Clifford de grande interese polas súas aplicacións en Física e en representacións de Álxebras.

 

CREADORAS DE COÑECEMENTO

 

María Wonenburger forma parte das creadoras de coñecemento. As mulleres foron desde a antigüidade, seguramente desde que eran recolectoras e a súa arte enxeñeril se desfixo en miles de átomos de carbono polo universo adiante, creadoras de saberes e oficios. Crearon saberes informais como sanadoras, cociñeiras, menciñeiras, criadoras e un longo etcétera, que a ortodoxia masculina de cada época histórica evitaría co desprezo dos saberes oficiais. Da creación oficial tamén foron apartadas, invisibilizadas ou borradas pola historia. As universidades vetaron a súa entrada durante séculos ou requeriron de autorización especial para o seu ingreso aínda en tempos recentes. Eis o empeño da academia por dotar de sexo a mente.

 

De aí a importancia do legado de todas as mulleres que contribuíron a crear e recrear o saber, do legado das mulleres sabias e dos saberes das mulleres. As mulleres que lograron introducirse nos campos científicos e tecnolóxicos sufriron unha dupla discriminación: por unha banda tiveron que afrontar os atrancos na súa actividade e, por outra, foron invisibilizadas e apenas recoñecidas pola historia oficial destes ámbitos. A recuperación e reparación histórica de modelos de mulleres científicas e tecnólogas é aínda hoxe unha materia pendente. Na actualidade as mulleres posúen un destacado papel no campo tecnocientífico. Mais a súa presenza segue a ser escasa en relación aos homes, tanto nos estudos técnicos como nas profesións directamente vinculadas coa tecnoloxía, entre elas, a actividade investigadora.

 

A Unidade Muller e Ciencia de Galicia naceu en 2006 como un espazo interdisciplinar do goberno galego para traballar xustamente neses dous sentidos. Recoñecer o traballo das mulleres que nos precederon e contribuír a incrementar a presenza das mulleres nos ámbitos científicos e tecnolóxicos de Galiza. Afortunadamente o premio mantense a día de hoxe aínda que a actividade da Unidade esmoreceu até ter desaparecido do ámbito institucional e académico. Como a maioría das accións e proxectos que se emprenderon a prol de Igualdade naquel tempo.

 

Hipatia de Alexandría, Madame de Châtelet, María Gaetana Agnesi, Sophie Germain, Ada Lovelace, Florence Nightingale, Sofia Kovalevskaya ou Emmy Noether son nomes de mulleres matemáticas que percorren a historia. María Josefa Wonenburger Planells súmase a elas. Sorrí. Sabe que coñecemos para construír e transformar, que coñecemos para vivir. María Wonenburger é parte da nosa memoria, agardamos que no futuro sexa parte da historia. 

 

Este artigo apareceu no número 102 de Sermos Galiza, publicado a 26 de xuño de 2014.