Matheo, de seis anos, leva a metade da súa vida agardando por un diagnóstico médico

Matheo Sobrino, de costas, canda o seu pai, José Luis, esta mesma tarde. (Fotos: Nós Diario)
A falta de persoal médico do sistema sanitario público galego está a provocar longas colas de agarda á hora de acceder a certos servizos. Este é o caso de Matheo Sobrino, un rapaz de seis anos que leva a metade da súa vida agardando por un diagnóstico. O seu pai explica a Nós Diario cal é a situación do seu fillo.

Matheo Sobrino leva tres anos esperando por un diagnóstico que indique a causa da súa discapacidade. “Cando naceu, detectaron que tiña microcefalia e comezou a ser atendido no Hospital Materno Infantil da Coruña, onde, en 2018, nos aconsellaron tramitar o recoñecemento de discapacidade do rapaz”, indica o pai. 

Matheo Sobrino leva tres anos esperando por un diagnóstico que indique a causa da súa discapacidade

José Luis Sobrino explica que con menos de dous anos a neuróloga que atendía a Matheo recomendou que se lle fixera un TAC, e estivo máis de seis meses esperando por el. “Dixéronnos que ao pasar tanto tempo tiñamos dereito a facelo pola privada e deriváronnos ao Hospital Modelo da Coruña”.

Porén, a anestesista que debía tratar o neno non era pediátrica polo que “se negaron a facerlle o TAC”. Sobrino denuncia que nos “están derivando a hospitais privados, que pagamos con cartos públicos, e atopámonos con que eses hospitais non están preparados para ofrecer os servizos que precisamos”.

En 2019, a neuróloga de Matheo volveu recomendar que se lle fixese outro TAC ao rapaz, para o que elaborou un volante solicitándoo. “Seguimos esperando por esa proba, que resulta fundamental para realizar un diagnóstico aproximado”, indica Sobrino, “nin sequera temos unha cita”. Ante esta situación “presentei unha reclamación á área sanitaria da Coruña e Cee e, ao non atopar resposta, reclamei na Consellaría de Sanidade, desde onde me indicaron que trasladarían a miña queixa á área da Coruña, onde non me responderon”.

Por esta razón, “dirixinme á Valedora do Pobo quen me indicou que admitían a trámite a miña reclamación e que pedirían á Consellaría de Sanidade que en 15 días lle remitiran a información pertinente, tal e como indica a lei”. Porén, "levo un ano sen saber nada nin dela nin da Consellaría”, lamenta Sobrino. 

Problemas na sanidade pública galega

Sobrino indica que a súa muller, nai de Matheo, conseguiu contactar co persoal responsábel do TAC e explicáronlle que o problema da inacción era a falta de persoal médico. “Só hai unha anestesista na área sanitaria da Coruña que vai polo Hospital Materno unha vez á semana, é dicir, catro veces por mes” e que “atende a calquera tipo de pacientes”. 

"Só hai unha anestesista na área sanitaria da Coruña que vai polo Hospital Materno unha vez á semana"

Sobrino explica que o seu non é o único caso que vive esta situación e que hai “moitos peores que os do meu fillo”. Por todo isto, o pai de Matheo pide que se contraten máis reforzos para os servizos sanitarios, “máis anestesistas, máis logopedas, e o que faga falta”.

Dada a súa experiencia, Sobrino opina que as Administracións Públicas non son conscientes da importancia de contar cun sistema sanitario público de calidade no país. “Fan anuncios de cara á galería”, explica, e engade que “esperamos que a situación mellore, e que o persoal que está nunha situación precaria se estabilice". Sobrino conclúe que "tanto a sanidade como a educación precisan un bo reforzo” dos seus servizos.