O mato ocupa xa o 33% da superficie forestal da Galiza

Concello de Baleira, na comarca da Fonsagrada.(Foto: Europa Press).

As políticas contra o lume da Xunta da Galiza marcaron o debate na comisión de  Agricultura, Gandaría e Montes do Parlamento da Galiza desenvolvida onte, nun contexto onde o mato ocupa xa 33,3% da superficie forestal galega.

As cifras achegadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para 2023, último ano con datos, sinalan que 598.575 hectáreas, 33,3% da superficie forestal da Galiza, están ocupadas polo mato, que só no último ano gañou 469 hectáreas. O Ministerio achega as cifras por provincias, e a maior extensión do mato concéntrase na de Ourense con 272.593 hectáreas, seguida de Lugo con 172.228 hectáreas, sendo unha das expresión máis evidentes do abandono do rural e un risco para a seguridade destas áreas á hora de enfrontar fenómenos como os incendios.

A extensión ocupada polo  mato é maior á superficie de terra cultivada ou á dedicada a prados e pasteiros. A este respecto, a última enquisa sobre superficies e rendementos de cultivos indica que Galiza dedica 345.173 hectáreas á produción de alimentos. Na mesma liña, o territorio ocupado polos prados e pasteiros ocupa 480.035 hectáreas, que representan 16,2% do total da extensión na Galiza. Precisamente, as terras agrarias están a ser colonizadas nas últimas décadas por plantacións forestais, fundamentalmente por eucaliptos, o que incrementa os riscos diante dos fogos pola súa proximidade ás vivendas.

As brigadas municipais

O Partido dos Socialista de Galicia (PSdeG) considera que o actual modelo de loita contra o lume promovido polo Goberno galego adoece de eivas importantes. Neste sentido, defendeu onte na Cámara galega unha proposición non de lei que reclamaba “mudar o modelo de ofertar convenios aos concellos de brigadas de incendios cara a un servizo único, estábel, profesional e equipado dependente do Goberno galego e mentres isto non se leve a cabo ofertar, en todo caso, o convenio ás entidades locais só para labores preventivs, cunha duración mínima de 6 meses”.

A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta,xustificou esta iniciativa en “que non comparte este modelo de defensa contra o lume, un modelo que non se axusta á realidade existente no territorio galego nin á virulencia dos incendios actuais. Galiza necesita dun modelo axustado á realidade, dun dispositivo de extinción único, profesional, estábel, formado e equipado con dependencia directa da Consellaría con competencias na materia e orzamento para iso”.

A deputada nacionalista Montserrat Valcárcel denunciou, na mesma liña, a ausencia dunha política de prevención de incendios por parte do Goberno galego e lembrou que “a proposta” do PSdeG coincidía coas alternativas formuladas na Cámara galega en 2021 polo anterior conselleiro de Medio Rural, José González.

O dispositivo

O parlamentario popular Ángel Rodríguez Conde rexeitou a proposta socialista indicando que “Galiza conta cun dispositivo suficiente e ben estruturado” e significou que “nunca o servizo foi tan único” e “nunca o servizo foi tan estábel”. A este respecto, destacou o incremento dos fondos da Xunta para financiar as brigadas contra os lumes dos concellos