A maxistrada Isabel Perelló, primeira muller en presidir o Poder Xudicial

Reunión dos 20 novos vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial o pasado 25 de xullo. (Foto: CXPX).
Despois de catro votacións fallidas, Perelló sumou os votos suficientes tanto do bloque progresista como do conservador para asumir a presidencia do Consello Xeral do Poder Xudicial. 

A maxistrada Isabel Perelló converteuse esta terza feira na nova presidenta do Tribunal Supremo (TS) e do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), segundo acordaron os vogais do CXPX nun pleno que tivo lugar 'in extremis' tras varios intentos errados debido ao enfrontamento entre os bloques progresista e conservador.

Foron necesarias cinco reunións para que os 20 vocais –dez progresistas e dez conservadores– que tomaron posesión o pasado mes xullo se puxesen de acordo na designación da nova cabeza do Poder Xudicial. Desde os sete candidatos iniciais, finalmente esta terza feira concorreron as candidaturas de Ana Ferrer e Isabel Perelló, para saír elixida a segunda.

Perelló foi a relatora do auto polo que o Tribunal Supremo rexeitou hai un ano a petición do PSOE de revisar os votos nulos das eleccións xerais do 23 de xullo na provincia de Madrid ao considerar que "a mera diferenza numérica nos resultados" que se aducen neste caso (1.200 votos) non era "base suficiente" para a revisión.

Aínda que non era un dos asuntos que adoita levar, Perelló formaba parte da Sala de Vacacións na que recaeu e que considerou que o PSOE non achegara "datos aritméticos ou cálculos estatísticos solventes" que permitisen verificar, "tan sequera hipoteticamente", a relevancia da revisión de voto no resultado final dos comicios.

Traxectoria

Actualmente integra a Sección Terceira da Sala do contencioso-administrativo do TS, onde se encarga dos recursos que emanan de organismos reguladores como CNMV, CNMC ou Banco de España, entre outros. Tamén se ocupa dos asuntos relativos ao Consello de Transparencia, transportes, telecomunicacións e subvencións.

Responsábel na súa maioría de asuntos económicos, tivo un perfil pouco mediático durante os 15 anos que leva no Supremo, onde ingresou en 2009. Desde o seu acceso á carreira xudicial, en 1985 pasou por xulgados de primeira instancia e instrución de Mahón (Menorca), a Audiencia de Barcelona e nos tribunais superiores de xustiza de Catalunya e Andalucía. Tamén pasou pola Sala do contencioso-administrativo da Audiencia Nacional.

Ademais, foi letrada do Tribunal Constitucional entre 1993 e 2003 e o ano pasado formou parte da lista que os vogais progresistas lanzaron aos seus compañeiros conservadores para elixir os dous candidatos do CXPX para o TC.

Aínda que nesa ocasión non puido ser, agora Perelló, próxima á maxistrada e ministra de Defensa, Margarita Robles, e membro de Xuízas e Xuíces para a Democracia, erixiuse como a única candidata capaz de sumar os apoios de ambos os dous bloques, impoñéndose a nomes como Pilar Teso ou Pablo Lucas –percibidos igualmente como moderados– ou a tamén progresista Ana Ferrer.