Médicas ven un risco para a saúde nos 8.754 kg diarios de substancias que Altri emitirá ao ar

Factoría de celulosa de Celbi, do grupo Altri, en Leirosa, a 15 km de Figueira da Foz, Distrito de Coimbra (Foto: Celbi).
Altri recoñece no estudo do Proxecto Gama para a instalación dunha macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa) que a cheminea da fábrica emitirá ao día máis de 8.700 quilos de óxidos nitrosos, óxidos sulfurosos e material particulado. Especialistas en Medicina explican a 'Nós Diario' os problemas para a saúde que provocarían estas emisións.

A celulosa de Ence leva 77 anos en Lourizán (Pontevedra) e en Navia (Asturias) fixo 54 anos. En ningún dos dous casos as administracións sanitarias competentes puxeron neste tempo en marcha estudos epidemiolóxicos para coñecer os efectos das emisión destas celulosas sobre a poboación da contorna. En todo o Estado, no que hai 10 industrias de celulosa, só hai un estudo dunha pasteira catalá que data dos anos 90, e son escasos os traballos serios e rigorosos en toda Europa e mesmo no mundo. Esta é unha crítica que comparten distintos médicos e médicas consultadas por Nós Diario a respecto dos posíbeis impactos na saúde da macrocelulosa que Altri proxecta en Palas de Rei (A Ulloa). A pregunta é a mesma: unha cheminea emitindo ao día 8.754 quilos de óxidos nitrosos, óxidos sulfurosos e material particulado que posíbeis efectos pode ter na saúde das persoas da contorna?

Sonia Villapol, neurocientífica: "As partículas finas PM2.5 poden afectar os pulmóns, o corazón e están fortemente asociadas ao dano cerebral"

A neurocientífica galega Sonia Villapol -nada na Pastoriza e investigadora en Houston- responde a Nós Diario “que, co que, sabemos hoxe en día, os químicos xerados pola macrocelulosa impactarían na saúde, tanto das persoas que traballasen na fábrica coma na poboación da súa contorna”. Explica que “as partículas finas, ou as PM2.5 que se emitirán pola celulosa, así como compostos derivados do nitróxeno, óxido sulforoso, e outros compoñentes que se producirán na fábrica de Altri supoñen un risco laboral para os futuros traballadores e traballadoras e para a xente que habita a contorna”. 

Especialistas advirten dos problemas respiratorios ligados a Altri

No caso das partículas finas PM2.5 “poden afectar os pulmóns, o corazón e están fortemente asociadas ao dano cerebral”. Esta investigadora galega asegura que ”estudos recentes atoparon unha correlación coa causa da aparición de enfermidades neurodexenerativas como o párkinson ou demencias”. Incide ademais en que “as investigacións epidemiolóxicas en varios países europeos, nos Estados Unidos de América ou no Canadá mostran estudos do impacto da saúde do traballo na industria do papel e unha asociación directa con varios tipos de cancros, incluíndo linfomas, cancro de pulmón, páncreas ou do cerebro. Ademais de enfermidades cardiovasculares, respiratorias e neurolóxicas”. 

Alertan do risco para a saúde da veciñanza e das traballadoras da fábrica

Esta reputada neurocientífica afirma que “algúns estudos demostraron unha asociación con problemas respiratorios, sobre todo nas crianzas. Outros estudos descubriron que a exposición continua á contaminación do aire máis tarde na infancia altera os circuítos neuronais en todo o cerebro, afectando potencialmente a función executiva, incluíndo habilidades como a toma de decisións e a concentración, e aumentando o risco de trastornos psiquiátricos. Tamén se observou en persoas adultas un incremento da mortalidade por cancros, asma e outras enfermidades”.

Un problemade saúde pública

Evaristo Lombardero, neumólogo xubilado: "Son múltiples os impactos, é un efecto constelación e iso é un claro problema de saúde pública"

O doutor Evaristo Lombardero, neumólogo xubilado, exerceu 20 anos no Hospital de Navia, localidade asturiana onde Ence ten unha celulosa. Explica a Nós Diario que estamos diante dun “tema serio de saúde pública, hai importantes motivos para sospeitar que moitos dos produtos que poidan emitir este tipo de plantas poden ter un impacto grave sobre a saúde a longo prazo, un impacto acumulativo sobre as persoas”. Lombardero foi neumólogo en Navia desde 1991 até 2011, “sospeitábase que podía haber máis asmáticos na zona do esperado,  sobre todo entre nenos”. 

O doutor Lombardero sinala que “ao ver as emisións xa recoñecidas pola empresa, hai partículas e produtos que teñen un impacto previsíbel sobre as vías respiratorias”.  Explica que “a afección é dobre, polas augas afecta toda a cadea alimentaria, e outra pola cheminea. É un efecto constelación, son múltiples os impactos e os produtos repercutindo durante anos nas poboacións da contorna, e iso é un claro problema de saúde pública”. 

María Garrido, médica de familia: "Agudizaranse as enfermidades respiratorias das persoas que teñen patoloxías crónicas"

A doutora María Garrido vive na Ulloa e é médica de familia. Sinala a Nós Diario que a propia empresa “non ten a obriga de demostrar que non está danando a contorna ou a poboación con estes produtos e emisións, só que cumpre as medidas legais, pero esas medidas non garanten que non haxa impacto negativo na saúde. Cos datos na man, explica que “o efecto máis directo é que se agudizan as enfermidades respiratorias da xente que ten patoloxías crónicas, como  asmáticas, persoas con alerxias, con EPOC ou bronquite”. Pero tamén destaca que moitos destes contaminantes que Altri vai emitir “teñen vínculos cunha exposición máis prolongada, coa enfermidade cardiovascular e con distintos tipos de cancro”. 


O "balance" entre economía e saúde pública

Ao preguntarlle a distintos médicos e médicas sobre os posíbeis impactos na saúde dunha celulosa como a de Altri, coinciden en sinalar que os hai, o problema é que en máis de 75 anos con este tipo de industrias no país, a administración sanitaria galega, o mesmo que as do resto do Estado, Europa e o mundo, nunca decidiu facer estudo epidemiolóxico algún dos efectos sobre a poboación. A doutora María Garrido sostén que para pór en marcha este tipo de iniciativas “hai que ter unha mentalidade política que non é a habitual. Demostrar o impacto dunha industria ou un medicamento e que unha megaempresa pare a súa actividade é algo que ten pasado moi poucas veces na historia”.

Nestes casos hai unha dobre vara de medir, segundo a doutora Garrido “hai un balanzo entre a actividade económica e que o impacto no terreo non sexa demasiado”. O problema é que, “unha vez que se planta unha industria destas, podes ter claro que a poboación está enfermando máis, pero non vas poder facer nada”.O neumólogo Evaristo Lombardero lembra que no ano 2000 calculábanse 16 millóns de mortes por cancro no mundo, e para 2030 a OMS calcula que van ser 33 millóns de mortes. “Hai datos xerais que demostran que a contaminación está provocando incremento de cancros e de enfermidades neurolóxicas dexenerativas".