A medicina popular protagoniza as Xornadas de Historia de Foz

O antropólogo Rafael Quintía (Foto: Nós Diario)
As Xornadas de Historia de Foz (A Mariña) organizadas pola asociación cultural A Pomba do Arco xornadas arrancan esta segunda feira 29 de xullo ás 20.30 horas na casa da cultura Poeta Manuel María cunha palestra a cargo do antropólogo Rafael Quintía titulada a Medicina popular na Mariña.

As Xornadas de Historia de Foz (A Mariña) organizadas pola asociación cultural A Pomba do Arco xornadas arrancan esta segunda feira 29 de xullo ás 20.30 horas na casa da cultura Poeta Manuel María cunha palestra a cargo do antropólogo Rafael Quintía titulada a Medicina popular na Mariña.

Rafael Quintía é un dos máis recoñecidos antropólogos galegos. Profesor-titor de Antropoloxía na UNED, onde imparte as materias de Antropoloxía da Relixión e Antropoloxía Económica no Grao de Antropoloxía Social e Cultural, é autor dunha ampla bibliografía sobre o tema, con títulos como A etnomedicina galega. Achegas dende a antropoloxía ou Vade Retro. Ritualística protectora, obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular galega.

Quintía arrancará a súa palestra explicando os diferentes elementos que constitúen a medicina popular na Galiza desde a percepción da enfermidade, así como dos síntomas, desde os aspectos culturais que a conforman. Neste punto, achegarase a relación entre o proceso de curación, a maxia e a relixiosidade popular na medicina tradicional galega. Ao tempo, afondará nas diversas clasificacións das enfermidades a nivel popular.

Segundo Quintía, “a medicina popular contaba con diversas terapias, que tiñan que ver coa herboristaría ou os usos das augas, for dos rios, das fontes ou do mar. Nuns casos estas terapias empregábanse para doenzas de tipo físico e noutros para doenzas de tipo psicomático ou psicosocial”. Neste punto, destaca o papel “da hidroterapia ou das terapias ligadas aos baños do mar”.

Quintía refire “a existencia na Mariña de fontes ligadas popularmente a propiedades curativas asociadas a santas, como a Fonte da Tella en Sargadelos ou a Fonte de Santa Rosa en Santo Estevo do Ermo en Barreiros. Hoxe sabemos que esas augas son ricas en ferro, por conseguinte teñen un impacto positivo en relacións con determinadas doenzas”.

Neste sentido, durante décadas foi unha practica habitual entre a veciñanza de Foz acudir a Santa Estevo de Ermo en Barreiros en busca de auga para tratar a anemia ou as dores menstruais. Mesmo algúns veciños de Foz dedicábanse á venda de garrafas con auga procedentes da Fonte de Santa Rosa en Santo Estevo do Ermo.

O antropólogo explica que moitas das plantas que se empregan hoxe para determinados tratamentos lévanse usando desde hai séculos. A este respecto, cita os casos das “celidonias usadas contra as verrugas ou da estruga contra a caspa”. Na mesma dirección, lembra “a ruda que se pon na entrada das casas para espantar os meigallos e que se usa para facilitar o parto ás mulleres”.

As xornadas continuarán esta terza feira 30 de xullo ás 20:30 horas na casa da cultura Poeta Manuel María cunha palestra de Antonio Múñoz titulada Nas zarpas dos nazis: mariñáns vítimas de Hitler. Múñoz é profesor no Instituto de Ciencias Sociais da Universidade de Lisboa e está especializado nas relacións políticas entre Alemaña e o Estado español no século XX.

Múñoz achegárase na súa palestra á biografía de todas aquelas persoas naturais dos concellos da comarca da Mariña mortos nos campos de concentración da Alemaña nazi. Ao tempo, achegarase a experiencia de todos aqueles veciños desprazados como traballadores forzados durante a II Guerra Mundial a Alemaña no marco dos acordos entre os réximes de Franco e  Hitler.