Médicos do Hospital de Montecelo denuncian a “precaria situación extrahospitalaria”

Urxencias do Hospital de Montecelo. (Foto: Nós Diario)

Os Centros de Atención Continuada (PAC) do Grove, Baltar, Caldas de Reis e A Parda non dispoñen de persoal médico este domingo polo que as valoracións terán que realizarse no servizo de urxencias do Hospital de Montecelo. Esta situación denunciouna a través dunha nota informativa médicos do hospital pontevedrés. 

Persoal médico do Hospital Montecelo de Pontevedra puxo en coñecemento das usuarias e dos usuarios do seu Servizo de Urxencias que este domingo non houbo médicos nos Centros de Atención Continuada (PAC) do Grove, Baltar, Caldas de Reis e A Parda.

A través dunha nota informativa indican que estas instalacións médicas “unicamente terán asistencia por parte de enfermaría, derivándose aos pacientes a este centro para dita valoración”.

Ademais, apuntan que “non se dispuxeron no día de hoxe (domingo) reforzos médicos neste centro”, unha práctica que aseguran “é habitual”, polo que comunican que atenderán “un maior número de pacientes cos mesmos medios” como consecuencia de ter “unha maior demora na asistencia”.

Por este motivo, conclúen que “se dará prioridade a asistencia atendendo aos criterios de gravidades” e non aos de “tempo de agarda, demanda familiar ou outras semellantes”.

Para o persoal médico do hospital pontevedrés “a demora na asistencia ten unha causa, non é arbitraria”, ten que ver con procurar “unha correcta asistencia sanitaria á poboación dada a precaria situación actual extrahospitalaria”.

Sen persoal médico en Fin de Ano

Non é a primeira vez que se denuncia a falta de persoal nos PAC desta área sanitaria. O pasado 2 de xaneiro a CIG informou que a súa Xerencia deixou catro centros sen persoal médico en Fin de Ano.

Por este motivo, as ambulancias cubriron a quenda das 15 horas do día 31 de decembro ás 8 horas do 1 de xaneiro nos PAC de Baltar e A Parda, que estaban sen persoal médico.