Medidas extremas fronte a cepa británica

Expertos en Saúde Pública avogan por aumentar a exixencia individual e fortalecer as medidas de seguridade. (Foto: Arxina)
O Ministerio de Sanidade advirte dun "risco de diseminación alto" da variante británica do coronavirus e sitúa a incidencia desta nova cepa entre o 5 e 10% dos casos detectados. As autoridades prevén un incremento acelerado, polo que instan a extremar a protección e a rastrexar as mutacións do virus para se anticipar a el.

O 14 de decembro de 2020, Reino Unido declarou un incremento da incidencia do novo coronavirus nalgúns territorios do país asociado a unha nova variante do SARS-CoV-2 denominada VOC B.1.1.7. Esta nova cepa circulaba desde o mes de setembro e presenta maior capacidade de transmisión.

A porcentaxe de casos positivos detectados a causa desta variante, coñecida desde entón como a cepa británica, aumentou en Reino Unido de 46% na primeira semana do mes de Nadal até 76,6% na segunda semana de xaneiro. Tamén en Portugal as autoridades pasaron de detectar 1% na primeira semana de xaneiro a 10% na terceira. Unha evolución epidemiolóxica que levou o Ministerio de Sanidade a actualizar a avaliación de risco estimada ante a circulación desta e doutras variantes do SARS-CoV-2, a sabendas da súa entrada en varios territorios do Estado.

Primeiro caso na Galiza

O 30 de decembro de 2020 o Servizo Galego de Saúde confirmou o primeiro caso de Covid-19 provocado pola variante británica do coronavirus nun paciente da área sanitaria de Santiago procedente do Reino Unido. Ese mesmo día, o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou que permanecían en estudo outra media ducia de casos. Desde entón Galiza comunicou un total de sete casos relacionados coa cepa británica e un máis provocado pola variante surafricana. 

Variante surafricana

Os servizos de Medicina Preventiva e de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo foron os primeiros en dar con esta outra cepa detectada en Suráfrica o 18 de decembro de 2020. Neste caso, o positivo foi diagnosticado o 5 de xaneiro nun paciente da área sanitaria de Vigo ao seu regreso dunha viaxe ao país africano por motivos laborais.

"Este descubrimento pon en valor a capacidade do sistema sanitario galego para realizar análises completas e sofisticadas do virus", salientou entón o xefe do servizo de Microbioloxía, Benito Regueiro, quen destacou, ademais, a importancia de contribuír a unha correcta identificación do virus de cara a garantir un mellor control epidemiolóxico.

A estas dúas variantes do SARS-CoV-2, o Ministerio de Sanidade engade unha terceira, identificada en Xapón a principios de xaneiro en catro persoas procedentes da Amazonía brasileira, da que aínda non hai constancia na Galiza.

Con todo, figura no último informe do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) no que avalía o risco potencial destas novas variantes e advirten do seu impacto na saúde das persoas.

Transmisión secundaria

A propagación da cepa británica avanza. Segundo Fernando Simón, director do CCAES, entre 5 e 10% dos casos detectados en todo o Estado están relacionados con esta variante que a comezos de marzo pode chegar a ser predominante. A chave desta expansión está no maior risco de contaxio e na transmisión secundaria que algúns territorios xa comezaron a notificar. É dicir, dentro da propia comunidade, sen relación con casos procedentes do Reino Unido. 

Ante unha exposición igual temos máis posibilidades de contaxiarnos e iso obríganos a extremar as medidas

Así, advirten as autoridades, a variante británica pode supor maior número de ingresos e da letalidade agora que territorios como Galiza comezan a moderar o seu crecemento.

"Os mecanismos de transmisión do virus son os mesmos, ben por gotas ben por aerosois, polo tanto as medidas de prevención non cambian. O único que varía é a capacidade de transmisión. A probabilidade de contaxiarnos é superior, o que nos obriga a extremar a seguridade: distancia, máscara, lavado de mans e evitar espazos fechados", explica a Nós Diario Francisco Caamaño Isorna, profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC.

"A variante británica introduce un problema de probabilidade. Ante unha exposición igual temos máis posibilidades de contaxiarnos e iso obríganos a extremar as medidas. Debemos ser moito máis esixentes e fechar lugares cunha alta concorrencia de persoas".

Moderación da curva

Tras as festas de Nadal chegaron as consecuencias dunha "interacción moi forte". "Os seus efectos parece que están empezando a desaparecer. A curva de contaxios comeza a moderarse  e só nos queda ver as consecuencias dunha interacción ordinaria" entre restricións, vacinación e novas variantes.

Sanidade vén de presentar un novo protocolo que integra a secuenciación xenómica do virus no sistema de vixilancia para facilitar unha detección precoz 

"As vacinas protexen contra a variante británica. Contra outras cepas a eficacia parece máis limitada, pero hai que ter en conta que a protección non é algo dicotómico. É un continuo. Poden non protexer ao 95% pero si garantir unha eficacia de 70%". E o máis positivo, incide Caamaño Isorna, "é que a forma de producir as vacinas de ARN mensaxeiro permite modificar o seu mecanismo de función dun tempo razoábel para adaptala a unha nova situación".

Estudo das novas cepas

De aí a necesidade de rastrexar e estudar as mutacións no xenoma do SARA-CoV-2. "É moi interesante, a efectos de coñecer o virus, de ponderar a incidencia da propia cepa e de propor adaptacións nas medidas de prevención", salienta o profesor da USC.

Neste sentido Sanidade vén de presentar un novo protocolo que integra a secuenciación xenómica do virus no sistema de vixilancia e obriga os territorios a analizar varias mostras semanais segundo a incidencia acumulada para identificar as novas variantes de forma precoz, así como a súa transmisibilidade, virulencia ou sospeitas de reinfección.