Medran os apoios contra a supresión dunha praza de docencia de portugués na Escola Oficial de Idiomas de Lugo

Escola oficial de idiomas de lugo (Foto: Academia Format).
Profesorado da propia escola xa se reuniu coa inspección e enviaron escritos aos distintos órganos de decisión, así como tamén fixeron un nutrido grupo de alumnos e alumnas do centro.

Despois da eliminación dunha das tres prazas de profesorado de portugués que dispón na actualidade a Escola Oficial de Idiomas de Lugo, os apoios á restauración desta praza están a medrar, segundo informa Docentes de português na Galiza (DPG).

Profesorado da propia escola xa se reuniu coa inspección e enviaron escritos aos distintos órganos de decisión, así como tamén fixeron un nutrido grupo de alumnos e alumnas do centro, reivindicando o mantemento dos tres postos de docencia de portugués.

Os apoios recibidos, para alén da propia asociación DPG, que xa informou a Consellaría no seu momento, tamén foron secundados noutras cidades galegas en que existen Escolas Oficiais de Idiomas nas que se imparte portugués.

Así, os e as Xefas de Departamento de portugués das principais Escolas Oficiais de Idioma asinaron un documento de apoio mostrando a súa preocupación. Un apoio que xa tamén recibiron a título persoal de parte de cargos directivos doutras escolas así como de docentes e xefes de departamento da mesma escola. O Claustro, máximo órgano de decisión escolar, tamén apoiou unha revisión deste corte na oferta de grupos de portugués.

Así sendo, xa foron enviados escritos polo propio claustro da escola, polo alumnado, departamentos doutras escolas, xa se realizaron reunións coa inspección, tamén se emitiron avisos da propia asociación e até grupos parlamentarios como o do BNG realizaron interpelacións e preguntas á mesa do Parlamento, salienta a DPG.

"Ninguén acaba de comprender un caso en que, ao parecer, a posibilidade de crecemento do portugués foi sacrificada nesa escola sen se entender as razóns para iso acontecer", destaca a organización que agrupa docentes de portugués na Galiza.

Incumprimento da lei Paz-Andrade

Da DPG volvemos novamente alertar a inspección educativa para, na medida do posíbel, revisar este caso por forma a revisar que todas as linguas sexan, como mínimo, tratadas por igual, sen esquecer que segundo os acordos parlamentarios e a lei 1/2014 [lei Paz-Andrade] é suposto o portugués gozar até dunha especial protección e promoción por parte do Goberno galego.