Gastronomía

Melide prepara os seus melindres para a festa "máis doce" da Galiza: consulta aquí a programación

Presentación da Festa do Melindre de Melide no Fórum Gastronómico. (Foto: Nós Diario)
O Concello de Melide presenta a 32ª edición da Festa do Melindre, que, baixo o lema 'Corazón doce', achegará a mellor repostaría tradicional os próximos 11 e 12 de maio.

A trixésimo segunda edición da popular Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional, declarada de Interese Turístico Galego, chegará este ano a Melide (comarca homónima) os días 11 e 12 de maio, con actividades previas xa os vindeiros 15 e 16 de abril. O evento presentouse esta terza feira no Fórum Gastronómico da Coruña, no stand da Deputación, entidade á que o alcalde melidao, José Manuel Pérez, quixo agradecer o apoio ao evento. "A Coruña é 'a provincia que sabe', e nós desde Melide queremos aportar hoxe a parte máis doce", dixo.

O alcalde anunciou algunha novidade destacada, como que !aproveitando que estamos de novo na Coruña, imos levar a cabo este ano accións cos embaixadores da festa na cidade, como repartir melindres e ricos nos seus restaurantes durante os días previos, na primeira semana de maio", así como outra das actividades máis especiais, un showcooking, que ademais terá música en directo, con produtos da terra, con Gorka Rodríguez, chef e propietario da Pulpeira de Melide. O slogan da festa é este ano 'Corazón doce'.

Xosé Igrexas, concelleiro de Promoción Económica, fixo un desglose polo miúdo do programa da Festa do Melindre deste ano. Destacou que é "a cita gastronómica máis importante da comarca é unha das de maior proxección de toda Galiza", que sempre se celebra na segunda fin de semana de maio. "Falar de melindres, ricos e amendoados é falar de gastronomía e de riqueza cultural", engadiu.

Destacou tamén a figura dos embaixadores do Melindre como "distinción de recoñecemento a persoas ou institucións polo seu labor promocional desenvolvido a prol de Melide e da promoción se é o caso da repostaría tradicional". Así este ano esta distinción recaerá no Museo Terra de Melide, "como institución onde se garda a nosa memoria histórica e cultural", e tamén na persoa de Paco Veiga por ser membro e fundador da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e tamén colaborador e especial apoio a difusión da tradición cultural, como é a Festa do Melindre.

A 'previa' en abril

A continuación explicou brevemente os diferentes actos programados. Na segunda feira 15 de abril e a terza 16 xa haberá obradoiros de repostaría tradicional nos locais dos produtores como é na Casa Estilo, Tahona, Trisquel e Panadaría Toques onde alumnado de 6° de Primaria dos centros educativos de Melide e Toques poderán ver como se elaboran os doces típicos da comarca.

Sábado 11 de maio

Para o sábado 11 de maio, de 11 a 14 horas e de 16.30 a 20.30h no Espazo Amendoado no Cantón de San Roque —xunto co Espazo Melindre e o Espazo Rico, os tres espazos nos que se dividen as actividades da festa— haberá un obradoiro infantil de Pintura de Mandís a cargo de Leonor Díaz, de Como Pez en el Agua, destinado ás cativas e cativos. Tamén desde as 11.30 até as 15h, as rúas de Melide estarán amenizadas pola Charanga Alambique.

Ás 17h haberá a cargo da contadora de contos Sole Felloza unha actividade de Cociña de Contos para o público familiar con degustacións divertidas e elaboradas polo cociñeiro Alex Iglesias. E para fechar o día, ás 20h haberá un Showcooking con concerto en directo con degustación de produtos da Terra de Melide a cargo do cociñeiro e Embaixador do Melindre Gorka Rodríguez.

Domingo 12 de maio

O domingo 12 terá lugar o nomeamento de embaixadores. E durante a mañá as e os asistentes gozarán da animación de rúa coa Fanfarria Taquikardia e co grupo Froito Novo, tamén embaixadores da festa. Pola tarde, concerto infantil dentro da programación do Melindriño, a dedicada aos máis pequenos, de Uxía Lambona e a banda molona, na praza do convento, e xa para fechar esta 32.ª edición, na praza das Coles, ás 19h, actuará Luar na Lubre, que presentará o seu último disco, Encrucillada.