O melindre triunfa en Melide na festa máis larpeira da Galiza

Un dos postos da 32 edición da Festa do Melindre, en Melide (Foto: Festa do Melindre).
Luar na Lubre fechou a 32 edición da festa.

A 32 edición da Festa do Melindre obtivo un éxito de participación e de vendas. Na xornada do sábado, a xente gozou da "festa máis doce da Galiza" coas actividades infantís do Melindriño, que repartiu por primeira vez carnets de embaixadores aos máis pequenos e ás máis pequenas, así como do showcooking/concerto/degustación 'Mans de Autor con produtos da Terra de Melide' con música en directo, decorrido no espazo melindre da Praza do Convento. Este acto estivo a cargo de Gorka Rodríguez, chef e propietario da Pulpeira de Melide e de Pablo Pizarro, mestre de empanadas e chef de La Empanada Viajera.

Gorka Rodríguez representa a cuarta xeración dunha saga de polbeiros iniciada hai case 100 anos polo seu avó arrieiro e a súa bisavoa panadeira en Melide (Terra de Melide). Foi Cociñeiro do Ano da Galiza 2015 e está formado en recoñecidos restaurantes a nivel mundial: Mugaritz, Noma, ou o Celler de Can Roca.

Pola súa parte, Pablo Pizarro é o cociñeiro que converteu unha icona da gastronomía galega como é a empanada nunha receita exportábel e cobizada en todos os recunchos do país, tras percorrer algunhas das máis recoñecidas cociñas do país.

Tamén animou o evento a música en directo da cantautora MJ Pérez, Premio Martín Códax da Música (2021) na categoría de canción de autor, finalista dos Premios Opinión da Música de Raíz (2021) coa súa canción Vai embora!, entre outros. Mais alén do seu percorrido e recoñecementos, se algo destaca de MJ é a súa capacidade como artista e creadora.

Xa no domingo, a Praza do Convento estaba chea de persoeiros e visitantes que quixeron achegarse ao pregón da 32 Festa do Melindre e a repostaría tradicional. A presentadora do acto, a locutora de Radio Melide María Torre deu a benvida a todas as persoas presentes e deu paso á entrega de Pins e Diplomas aos Embaixadores e Embaixadoras Do Melindre.

Estes foron, Paco Veiga, quen prometeu exercer o cargo de embaixador con dignidade no seu nome e no nome da asociación de xogo popular e tradicional e outras asociacións nas que participa; o Museo Terra de Melide, en nome do que falou Xosé Manuel Broz, lembrando episodios da historia de Melide, e Marcial Mouzo, quen tamén participou como pregoeiro na edición deste ano.

Logo foi a quenda das intervencións institucionais. Comezou intervindo Xosé Manuel Merelles, Director da Axencia de Turismo da Galiza, quen destacou a satisfacción que para a Xunta da Galiza supón colaborar cunha das festas declarada de interese turístico que maior prestixio ten no país. "Tamén é un orgullo ver como se pon en valor a repostaría tradicional como elemento de promoción turística da Galiza, que xunto co peso do camiño de Santiago fan de Melide uns dos polos de atracción turística da Galiza", afirmou.

Seguidamente foi a Subdelegada do Goberno español, María Rivas, quen tomou a palabra para comentar que "é un gusto e unha honra estar un ano máis nesta festa que cumpre a 32 edición e que goza de moi boa saúde", agradeceu o convite e moi especialmente aos novos embaixadores e embaixadoras do melindre e á veciñanza, larpeiros e larpeiras e visitantes á vila. "A repostaría tradicional, e especialmente os doces de Melide, non son só un gran atractivo senón tamén unha fonte de dinamismo para a vila e a comarca", engadiu.

Interviu a continuación Jose Manuel Pérez, alcalde de Melide, quen tras agradecer a asistencia ás autoridades presentes, embaixadores e embaixadoras e veciñanza, declarou que "hoxe domingo doce estamos celebrando a nosa festa máis doce". "Este ano tivemos algunha novidade moi destacada, como que aproveitando que presentamos esta 32 edición na Coruña, levamos a cabo por vez primeira accións de promoción cos Embaixadores e Embaixadoras da festa na cidade, como repartir melindres e ricos nos seus restaurantes durante os días previos, nesta primeira semana de maio", explicou-

O alcalde agradeceu a todas as persoas e empresas que participan nas actividades, e por suposto as casas reposteiras e aos traballadores e traballadoras do Concello. Temos máis de 35 stands en total, con postos de doces de toda a Galiza e o mellor da nosa artesanía, en colaboración tamén cunha institución tan recoñecida como a fundación Artesanía da Galiza. Rematou dando paso ao agardado momento do pregón e solicitando un aplauso para recibir ao seu protagonista deste ano, o popular comunicador, presentador e director do programa Pensando en ti da Radio Galega, en antena desde 1996, Marcial Mouzo.

O pregoeiro, emocionado, comezou saudando a autoridades e asistentes, salientou a honra que supón para el por ser unha das festas con maior proxección de toda a Galiza. Destacou tamén que se ben hoxe foi oficialmente nomeado como Embaixador, feito que lle enche de "orgullo e satisfacción" xa viña facendo a labor de embaixador desde hai anos, porque "sempre que tiven a oportunidade de pór en valor os doces de Melide, fíxeno coma un melidense máis", afirmou.

Definiu os melindres, ricos e amendoados, como "unha delicia para o padal e unha sobremesa que nunca debe faltar en ningunha mesa". Recordou os seus primeiros pasos por Melide, e "o cheiro a forno de pan e doces polas rúas mesturado con historias de radio". Lembrou os reposteiros e reposteiras actuais e ás que xa non están, que entre todos "impulsaron o proxecto de renacemento da repostaría de Melide como marca de calidade, e o recoñecemento do traballo artesán da repostaría dentro e fora da Galiza. Que nunca lles falte a muda xeracional para nos facer a vida máis doce co seu traballo". Rematou afirmándose sinceramente emocionado polo caloroso acollemento, atención e ledicia coa que se recibiu a súa intervención, e convidando as persoas asistentes "a darlle dozura ao corpo, que bastantes amarguras temos xa no mundo".

O acto concluíu cun percorrido dos persoeiros e intervintes polos stands da praza e da rúa do convento, na que en palabras dalgúns produtores e produtoras, está a ser unha das edicións máis "doces" en vendas, pois algunha das casas melindreiras superou os 10.000 ovos consumidos, superando mesmo á edición do ano pasado.

A tarde continuou coa parte máis musical, co concerto de Uxía Lambona e a banda molona ás 17.30 horas que encheu de crianzas e familias o Espazo Melindre na praza do Convento, e co fin de festa con Luar na Lubre, ás 19 horas no Espazo Rico, na praza das Coles, tamén ateigada, coa que se fecha de forma inmellorábel esta 32 edición.