Galiza segue a reducir as cifras da Covid: baixan os contaxios e as hospitalizacións

Cribado poboacional con tests de antíxenos na área sanitaria de Ourense. (Foto: Xunta da Galiza).

Os novos contaxios de Covid-19 seguen en descenso na Galiza e sitúanse en 722, cifra que rebaixa en 319 os rexistrados hai unha semana. Os casos activos redúcense en máis de 300 a respecto do último día até os 16.106. Ademais, baixan as persoas hospitalizadas polo coronavirus. Son 328 os pacientes ingresados cunha PCR positiva, 17 menos que o día anterior.

Segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade esta cuarta feira con rexistros de até as 18 horas da terza, as persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI baixan a 53 -unha menos- e as hospitalizadas noutras unidades descende a 275 -16 menos-. Pola súa banda, 15.778 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende nas da A Coruña, Vigo, Lugo e Pontevedra; mantense nas de Ourense e Ferrol e aumenta lixeiramente na de Santiago.

Casos activos

Por sexta xornada consecutiva os casos activos manteñen a tendencia descendente e sitúanse en 16.106, o que supón 365 menos que o día anterior. Con respecto a hai unha semana, Galiza conta con 2.516 casos activos de Covid-19 menos que rexistrados o pasado 4 de agosto.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden en todas salvo na de Ferrol (+13). Así, caen nas de Pontevedra (-122), Lugo (-76), Vigo (-59), Ourense (-58), Santiago (-43) e A Coruña (-20).

A área da Coruña segue á cabeza en número de casos activos con 4.579, seguida da de Vigo, con 3.967; Pontevedra, con 1.907; Lugo, con 1.758; Santiago, con 1.710; Ourense, con 1.176; e Ferrol, con 1.009.

Menos contaxios

Os novos contaxios de Covid-19 tamén confirman unha tendencia á baixa. Suman tres xornadas consecutivas en descenso ao anotar a 722, medio cento menos que o último día e 319 que hai unha semana.

Do total rexistrado polo Sergas, Vigo anotou 211; A Coruña, 201; Santiago, 102; Lugo, 67; Pontevedra, 49; Ferrol, 48, e Ourense, 44.

Porén, a taxa de positividade das Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) segue por riba de 10%, duplicando o limiar recomendado de 5% para controlar a transmisión do virus, consolidar o descenso da incidencia e achegar o alivio das restricións.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 ma Galiza aumentan a 2.499 despois de notificar as autoridades sanitarias outras cinco vítimas.

En concreto, unha muller de 87 anos que faleceu o pasado 8 de agosto no seu domicilio no municipio de Láncara; dúas mulleres de 53 e 71 anos ingresadas no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña e un home de 80, hospitalizado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. A estas mortes hai que sumar a doutra muller de 90 anos ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.