Entrégase un menor como presunto autor da agresión cunha navalla a un mozo na Coruña

Praza de San Pablo, na Coruña. (Foto: Google Maps)
A Garda Civil detivo en Vilalba outro home acusado tamén dun acoitelamento na noite do sábado ao domingo.

O presunto autor da agresión cunha navalla a un mozo na Coruña o pasado sábado entregouse esta segunda feira á Policía, segundo informou a subdelegada do Goberno español, María Rivas, que confirmou a presenza de menores no incidente que comezou cunha discusión. Entre estes menores está o presunto autor do acoitelamento, que se atopa agora en comisaría "para porse a disposición da Policía e aclarar o sucedido", sinalou Rivas.

Sobre os feitos, apuntou que na tarde-noite do sábado recibiuse un aviso sobre un incidente entre varios mozos que se trasladaron á contorna da praza de Recife —ou San Pablo—, na Coruña, onde hai unhas pistas polideportivas. Segundo o relato exposto, "iniciaron unha discusión" con outros "que estaban a xogar ao baloncesto".

Rivas apuntou que outros mozos que tamén estaban no citado lugar saíron "en defensa destes menores" e engadiu que se produce unha "forte discusión que se traslada á zona de Médico Rodríguez, en confluencia con Juan Flórez, onde se produce a agresión".

Finalmente, e após un suceso no que se viron implicados uns 15 mozos, segundo apuntou após o sucedido a Delegación do Goberno, o agredido foi trasladado ao complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac), onde foi intervido e onde se lle deu a alta xa o domingo á tarde. Deste mozo, que xa prestou declaración, a subdelegada do Goberno na Coruña confirmou, segundo os datos achegados pola Policía, que recibiu "tres picadas producidas por unha navalla de pequenas dimensións".

"A Policía Nacional está a realizar todo o labor de investigación ao redor do sucedido", insistiu Rivas, quen asegurou que, segundo a información trasladada por este corpo policial, non se pode falar de "bandas" e si "de varios mozos que se trasladan a esta zona [o lugar dos feitos] e unha parte deles son menores". "Veciños da Coruña", confirmou, ao ser preguntada pola súa nacionalidade. Por outra parte, a subdelegada do Goberno na Coruña quixo trasladar tanto ao agredido como á súa familia todo o "agarimo e afecto nestes momentos que, obviamente, para eles, foron complicados".

Preguntada sobre sucesos desta índole e a demanda de reforzos policiais, afirmou que entende a situación que "crea" un feito deste tipo, pero incidiu en que "cada semana" se planifica un dispositivo "e analízanse as circunstancias que se producen na cidade". "Hai unha planificación permanente", apostilou.

Acoitelamento en Vilalba

Outro home foi detido nas últimas horas como presunto autor dun delito de lesións e outro de resistencia aos axentes de seguridade após un apuñalamento que se produciu na madrugada do domingo nun pub de Vilalba.

O ferido foi trasladado a un centro médico e foi necesario realizarlle numerosos puntos de sutura, segundo informan a Europa Press fontes da Garda Civil. En concreto, os feitos producíronse ao redor das 4.30 horas do sábado ao domingo, cando unha disputa acabou neste acoitelamento e a posterior detención do individuo.