Vigo

Hospitalizado con prognóstico reservado un menor após unha explosión nunha embarcación en Moaña

Hospital de Povisa en Vigo, propiedade do grupo Ribera Salud. (Foto: Europa Press)
O incidente ocorreu na tarde deste domingo e varios particulares deron a voz de alarma após producirse unha explosión na embarcación, na que se atopaban cinco persoas.

Un menor de idade permanece ingresado na Unidade de Queimados do hospital Ribeira Povisa de Vigo, após resultar ferido cando se produciu unha deflagración este domingo nunha embarcación que se atopaba no porto de Meira, en Moaña (O Morrazo).

O incidente ocorreu na tarde deste domingo e varios particulares deron a voz de alarma após producirse unha explosión na embarcación, na que se atopaban cinco persoas. Algunhas delas puideron saltar a outro barco para tentar ficar a salvo, mentres outras optaron por se tiraren á auga.

Os servizos de emerxencias sanitarias evacuaron catro persoas, pero os cinco afectados recibiron atención no hospital Povisa. Fontes do centro hospitalario confirmaron que catro deles recibiron a alta, mentres un menor de idade quedou ingresado, con prognóstico reservado.

A Garda Civil abriu unha investigación para esclarecer as circunstancias deste accidente e, entre as hipóteses que baralla, está a posíbel acumulación de gases de combustíbeis como orixe da explosión.

No operativo do domingo, ademais da Garda Civil e os profesionais sanitarios do 061, participaron tamén Salvamento Marítimo e axentes da Policía Local.