85 menores de idade teñen licenza para cazar na Galiza

Son 10% menos de licenzas de menores que en 2018. (Foto: Nós Diario)
Entre 2007 e 2020 faleceron cinco persoas en accidentes de caza.

Un total de 85 menores de idade posúen unha licenza de caza na Galiza, segundo trasladou esta segunda feira nun comunicado a Fundación Franz Weber, logo de que a Xunta respondese, "fóra de prazo", unha solicitude de información rexistrada por esta mesma entidade.

Este número de licenzas, correspondente a 2022, supón unha baixada de 10% a respecto de 2018, cando eran 95 os menores que contaban con este permiso no país. A Fundación indicou que estes datos evidencian que esta actividade "non suscita un interese real na mocidade galega".

Deste modo, apuntou que a actual Lei de caza data de 2013 e nela non se recollen medidas que eviten a presenza de menores. Aliás, esta norma permite obter unha licenza de caza desde os 16 anos.

Nesta liña, lembrou que recentemente en Silleda un mozo de 17 anos foi lesionado na cara. De acordo con as estatísticas facilitadas pola Garda Civil no período 2007-2020, producíronse en incidentes durante cazarías un total de cinco falecementos, 24 lesionados graves e 10 lesionados leves.

A Fundación Franz Weber criticou que os grupos de presión procaza "xa lograron que o Executivo galego fixase a gratuidade das licenzas de caza para escopeteiros maiores de 65 anos" e que "agora reclaman idéntica medida para as persoas menores de idade".

Os cans de caza, fóra da nova lei

Precisamente a pasada semana o Congreso español deu luz verde ao proxecto de lei de benestar animal, que exclúe da súa aplicación os cans de caza, as touradas e outros animais de traballo. Este punto foi obxecto de múltiples críticas desde o movemento ecoloxista e animalista.