Menos pólvora e ruído nas festas patronais da Galiza: perde peso a pirotecnia tradicional?

Fogos artificiais biodegradábeis deseñados polo artista neerlandés Daan Roosegaarde. (Foto: Daan Roosegaarde Studio).
Colectivos animalistas e persoas sensíbeis ao ruído demandan desde hai ano festexos máis accesíbeis e inclusivos. O estrondo da pirotecnia é unha das barreiras que buscan superar con espectáculos visuais silenciosos. 

A comisión de festas do Bo Xesús de Priegue, no concello de Nigrán (comarca de Vigo), decidiu que este ano non haberá fogos de artificio. A celebración terá lugar a finais de mes e vai prescindir por primeira do espectáculo clásico de pirotecnia para pórse "ao lado de quen o pasa mal polo ruído".

Malia a tratarse dunha tradición moi arraigada, nun municipio onde ademais se asenta unha das pirotecnias tradicionais máis antigas da Galiza, a de Argimiro Arborés, en Camos, este grupo de veciños e veciñas alega "motivos éticos máis que xustificados para dar este paso".

Nun comunicado difundido a través das súas redes socias a comisión de festas asegura que "o ruído que produce a pirotecnia pode xerar episodios de ansiedade en nenas e nenos con autismo, trastornos en persoas con hiperacusia, estrés en persoas maiores, contaminación acústica e molestias aos animais".

Desde a Fundación Franz Weber, o seu voceiro na Galiza, Rubén Pérez, asegura que cada vez hai máis vilas interesadas en alternativas pirotécnicas de baixo impacto sonoro ou espectáculos visuais silenciosos.

"Na China son habituais os espectáculos de drons, moito máis do que se está a ver en Europa. Ao outro lado, en Arxentina, hai municipios nos que se declarou o impacto negativo da pirotecnia e piden facer outro tipo de actividades. Na Galiza hai casos como o de Priegue, que máis aló da substitución dun espectáculo por outro o que logran é abrir o debate social sobre unha actividade que afecta os animais domésticos, a fauna silvestre e as persoas".

Porén os avances son limitados, asegura Rubén Pérez. "Implantouse moito máis axiña a 'hora sen ruído' nas atraccións, para que nenos e nenas con Trastorno do Espectro Autista ou trastornos auditivos poidan xogar; pero a pirotecnia mantense. Moitas veces semella que se fai máis pola promoción que pode supor que por facer destas medidas o principio dunha política pública".

Uso responsábel

A sexta feira, 30 de agosto, o torreiro da festa de Priegue acollerá un espectáculo luminoso de baixo impacto sonoro que substituirá as tradicionais tiradas de fogos diarias. A comisión de festas decidiu ofrecer ao público unha celebración "amábel coa contorna e coas persoas máis sensíbeis, sen esquecer apoiar o sector da pirotecnia concienciado con esta problemática". 

Santiago López, quinta xeración de fogueteiros (Pirotecnia López, Brión, comarca de Compostela) e vicepresidente da Asociación Galega de  Industrias Pirotécnicas, afirma a este xornal que "a pirotecnia de baixo impacto sonoro non existe". Existen os espectáculos de baixos decibelios, "mais non son para o gran público senón para grupos reducidos en contornas moi limitadas". 

Non collen altura nin estoupan con estrondo. Son composicións "menos vistosas e máis custosas porque teñen moita man de obra". A demanda céntrase na pólvora tradicional. "Cada día ten máis detractores, en teoría, pero nós non deixamos de recibir encargas". López avoga polo "respecto mutuo e a convivencia" arredor dunha actividade "regulada" que exixe un uso responsábel e non indiscriminado.