Mentir nun xuízo pode saír moi caro: esta é a pena que pide a Fiscalía para un perito

Sede da Audiencia da Coruña (Foto: Google).
A Fiscalía pide para o procesado 15 meses de prisión e a inhabilitación para a súa profesión ou oficio durante 10 anos, así como 1.500 euros de multa.

A Audiencia da Coruña xulgará a vindeira quinta feira a un aparellador acusado de prestar falso testemuño cando declaraba como perito nun xuízo relacionado cunha obra.

En concreto, os feitos remóntanse a setembro de 2020, cando o home, en calidade de perito-testemuña, compareceu no marco dun xuízo contra unha comunidade de veciños por unhas obras de instalación dun ascensor.

O aparellador asinaba un informe pericial, no que se reafirmou na vista, que apuntaba que as obras de instalación do ascensor permitirían o acceso a persoas usuarias con cadeira de rodas e melloraría as condicións de accesibilidade do inmóbel para persoas con mobilidade reducida.

Con todo, esta declaración contradicíase co afirmado por el mesmo para o trámite de solicitude de licenza municipal, realizado unhas semanas antes, onde apuntaba que este ascensor non serviría para cadeiras de rodas, aínda que "si facilitaría o acceso aos pisos de persoas con diversas limitacións de mobilidade".

Prisión e multa

O Ministerio Público considera os feitos constitutivos dun delito de falso testemuño, polo que pide para o procesado 15 meses de prisión e a inhabilitación para a súa profesión ou oficio durante 10 anos, así como 1.500 euros de multa.