Entrevista

Francisco X. Prieto, arcebispo de Santiago: "A Igrexa debe facer un uso maior e máis significativo do galego"

Francisco X. Prieto, arcebispo de Santiago. (Foto: Xan Carballa)
Hai xusto un ano, Francisco X. Prieto (Ourense, 1968) era elixido polo papa Francisco para estar á fronte dunha das máis simbólicas sedes da organización eclesiástica católica, matriz tamén da Igrexa galega. Prieto ofrece nesta entrevista un balance do seu primeiro ano á fronte do Arcebispado e debulla algunha das ideas de galeguidade e diálogo social que xa anunciara no seu discurso de toma de posesión.

Aínda recentemente vimos aquí en Compostela unha exposición sobre o lento proceso de galeguización da liturxia, comezado nos anos 60 en tempo do seu predecesor Quiroga Palacios. Vostede fixo fincapé na cuestión cando a toma de posesión. Que rumbo quere que tome?
O máis recente fíxose agora cunha edición actualizada do Misal en lingua galega. Todos coñecemos a presenza histórica da Igrexa, pero quizais en ocasións só houbo algunha xente que tivo percepción de que ser e falar en galego tiña que ser parte tamén de ser e falar como cristiáns en toda a nosa vivencia. Pola nosa historia, sabemos que o galego estivo acantoado e tratouse de devolverlle a plena dignidade, quizais non o esplendor que tivo na Idade Media, na que o galego era lingua de referencia da cultura no espazo galego-portugués. Sen estrañar tempos pasados, e con todo o renacer do século XIX e no XX, faltaba unha normalización que comezou a chegar na etapa de Quiroga Palacios, despois do Concilio Vaticano II, para usar o galego na liturxia como lingua dos que habitamos na Galiza. 

"Debemos superar a diglosia que nos fai mudar de lingua cando entramos no espazo sacro"

Quizais nos últimos anos, como tamén pasa na sociedade, pode haber unha perda significativa de uso do galego, sobre todo nas idades máis novas, pero como Igrexa temos que facer un esforzo para ter unha presenza máis significativa do galego nas nosas celebracións litúrxicas, solemnes ou arredor das festas relixiosas. Temos que superar a diglosia que nos fai mudar de lingua cando entramos no espazo sacro. O galego debe ser lingua habitual e máis cando temos instrumentos: Misal, leccionarios, todos os rituais sacramentais…. Hai que dar pasos adiante sen dúbida.

A potencia simbólica da Igrexa na normalización da lingua segue a ser moi relevante.
Non cabe dúbida de que o uso da lingua na Igrexa significa moito, porque é un elemento expresivo tanto nos ritos da oración como na homilía que ten un grande valor referencial. Debemos alcanzar unha normalidade no uso e debe ser máis significativo do que estaba sendo.

A chegada ao papado de Francisco trouxo unha renovación de prioridades, non só na organización interna da Igrexa, tamén nun certo regreso ao discurso social. Xa se pode ir facendo un primeiro balance dos seus once anos de papado?
O papa Francisco fixo lembrar cousas esquecidas como que o Evanxeo ten unha vocación social. Non só se trata de crer na boa noticia de Deus a través de Xesús, senón que ten que chegar á sociedade como un elemento transformador, renovador e que procura o ben común das persoas. Aínda que esa preocupación sempre estivo, é posíbel que aparecese postergada. Trátase de lembrar que no centro de todas as nosas angueiras debe estar a persoa, esteamos falando do punto de vista social ou do económico. Por aí foron as súas intervencións sempre, e máis recentemente participando no Cumio do G-7 en Italia. 

Francisco sempre promove que todas as grandes decisións non esquezan nunca as situacións concretas da xente, porque moitas veces podemos descubrirnos como títeres dunhas decisións que se adoptan, pero non sabemos por quen. O Papa lémbranos que a fe non ten que ser algo intimista que nos feche sobre nós mesmos  e reducido ao cultual. O cultual ten que levarnos a unha cultura do coidado, da acción social e por iso a fe non é algo privado.

Se unha persoa é crente na familia ou nos domingos cando vai a misa, tamén o é no traballo e na vida social, e debe tomar posicións coherentes e transformadoras. Non impondo a opción católica como única, senón como unha escolla que colabora e fai posíbel unha sociedade mellor. Esa é unha clave fundamental do que trouxo o papa Francisco como prioridade.

Nos primeiros anos de mandato de Francisco tamén falou da posibilidade de modificar o celibato, que é cuestionado desde amplos sectores da Igrexa.
O celibato forma parte das normas da Igrexa católica latino-occidental, que é maioritaria pero non única. Na práctica oriental si hai diáconos casados. O celibato non ten que ser unha soltaría asumida, senón de liberdade para ser capaces de achegar máis tempo á xente. Non está no dogma da Igrexa e o papa Francisco en ocasións teno formulado, pero nestas cuestións tan significadas no crego católico do rito latino, a Igrexa tende a moverse máis alá de momentos de tensión ou reivindicacións, buscando o momento oportuno. Iso dilata as decisións. Quen di que o celibato nalgún futuro non pode ser opcional na vida da Igrexa? Non hai que descartalo. 

Cando se puxo á fronte do arcebispado, fixo referencia a que, nunha sociedade polarizada, manter a demanda do diálogo é fundamental. Non parece que suceda, sobre todo no clima político e mesmo nos tambores de guerra que petan no horizonte. 
Ás veces redúcese a acción política á dinámica entre partidos ou á controversia ideolóxica. A política debe falar dos cidadáns e dos problemas de quen habitamos o planeta facendo historia día a día. Temos que recuperar e revalorizar a acción da política como procura do ben común. Desde o ámbito veciñal ou dun concello, até a política autonómica, dos Estados ou internacional. Ás veces tes a sensación de que todo son estratexias ideolóxicas. Se asomas á prensa ves unha linguaxe que mostra tensión, polarización e confrontación, que se estamos como no tempo previo á II Guerra Mundial ou que hai que aumentar  gasto en armas…, unha linguaxe belicista que teño a sensación que quere pór demasiada leña no lume. Temos que rebaixar as tensións, ver que nos afecta a todos como humanidade.

A voz da Igrexa debe ser importante e profética para centrar a atención no que nos define como humanidade. Hai que deixar etiquetas e prexuízos porque estamos máis ideoloxizados que nunca, e axiña vemos como inimigo a quen non ve as cousas coma nós. Sen caer en boísmos ou inxenuidades, porque a busca da igualdade e a xustiza non é doada, non debemos fomentar o clima de tensión extrema, hai que rebaixala. 

"Temos que recuperar e revalorizar a acción da política como procura do ben común"

O século XX foi dun inmenso progreso e tamén de grandes barbaridades, con dúas guerras devastadoras. Abrimos o XXI con esperanza e temos que procurar un espazo no que poidamos convivir, cunha ecoloxía integral e coidando o planeta.

A posición do papa Francisco a prol da paz e a negociación ante conflitos como o de Palestina ou Ucraína ou non se considera ou mesmo se oculta. Sendo un discurso clamando pola paz, por que é desprezado?
É a voz dun líder mundial recoñecido máis alá da Igrexa católica. Pero pásalle como a outros líderes políticos, económicos ou sociais, que tamén son obxecto de filtro ideolóxico. Se a súa melodía non está acorde con intereses dominantes, descártase. Temos que recuperar algo que se considera simple e é profundo: a conversa, a capacidade de pór na mesa puntos de vista diferentes e escoitarnos. 

O peso demográfico de Santiago é pequeno, pero é un referente fundamental para a Igrexa católica no mundo. Sente unha responsabilidade especial?
Síntoa e admíroa. Baixas ao Obradoiro e sentes unha mistura de cores, idiomas e razas en convivencia cunha cidade que aínda é familiar pola súa dimensión, o que converte Santiago nun símbolo universal. Poucas cidades do mundo teñen posibilidade de ser meta para tanta xente e conxenia tan ben o local e o universal. Sen fachenda, podemos dicir que, con Roma e Xerusalén, é un dos grandes referentes da cristiandade no mundo enteiro. E se nunha praza podemos convivir tan diversos, por que o Obradoiro non pode ser unha auténtica praza da Humanidade? 

Mantén boas relacións co Concello e coa Xunta? Cando se quixo polemizar coa nova celebración do "Alba de Gloria" promovida pola alcaldesa, vostede saudou a iniciativa.
As relacións sempre deben ser boas, institucional e persoalmente. E sono. Non somos donos do que se nos confía, senón que facemos un servizo á sociedade. O arcebispado é a institución de máis longa presenza na cidade, tamén a universidade,  o Concello e máis recentemente a Xunta. As polémicas estériles non levan a nada, hai que admitir a diferenza e procurar o ben común, que é coidar Santiago e todo o que significa: meta dos peregrinos, cidade secular universitaria, cidade dun concello que medra e vive e tamén é a capital de Galiza. Consenso non significa arrombar a verdade de cada quen, senón buscar o interese común.

"As vítimas de abusos son a prioridade"

Non elude o arcebispo de Santiago valorar a gravidade dos abusos sexuais na Igrexa, "é triste é doloroso porque seguen aparecendo casos. Aprendemos moito e poucas institucións teñen protocolos preventivos e de persecución do abuso tan estritos. Pero abonda un só aviso para sentir vergoña. Porque aínda é máis grave cando o delito o comete alguén de quen se espera un plus ético e unha autoridade moral. Se xa é unha lacra horríbel o delito dos abusos na Igrexa, canta máis dor se lle suma por vir de quen tiñan que ser os que mellor coidasen as persoas!".

Prieto tamén considera que aínda hai camiño a facer na reparación do dano de tantos anos, "non só moralmente, se é precisa a reparación económica haberá que facela, sexa porque o determine a Xustiza ou porque temos obriga de axudar. Foi moi grave tamén que as vítimas fosen silenciadas ou acusadas de esaxerar. A vítima nunca molesta porque debe ser o centro da nosa preocupación. Sempre. Nós como Igrexa temos unha responsabilidade ineludíbel".