A Mesa atribúe á presión social que o Goberno municipal de Ferrol teña rectificado a eliminación do galego nos pregos de contratación

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. (Foto: A Mesa)

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, estimou que a presión social foi o factor que fixo rectificar ao Goberno municipal de Ferrol a súa decisión de eliminar o galego da publicación de pregos de concursos públicos, que pretendía emitir unicamente en castelán.

Nunha comparecencia de prensa decorrida onte nas instalacións do Antigo Hospicio de Ferrol, na que estivo acompañado pola representante da Mesa en Ferrol, Delia Vázquez, Maceira remarcou que a intención do goberno que encabeza o popular José Manuel Rei Varela suporía o incumprimento da lei de contratos do Estado, que determina que este tipo de procedementos deben realizarse tamén na lingua cooficial nas autonomías onde existan, como é o caso da Galiza.

Tras incidir tamén en que as Administracións locais están "obrigadas" por lei "a comprometerse co galego", Maceira incidiu en que "non se pode facer unha interpretación da lingua que se debe usar, só polo que di a directiva europea, tal e como o facía a instrución do alcalde de Ferrol".

Para o máximo responsábel da entidade en defensa do galego, a normativa sobre a que pretendía apoiarse o Goberno ferrolán "está transposta", á vez que celebrou a contestación social contra a idea do Concello da cidade naval, que, unha semana máis tarde, decidiu dar marcha atrás.

Pola súa parte, a representante da Mesa de Normalización Lingüística en Ferrol, Delia Vázquez, manifestou a súa satisfacción pola retirada da instrución asinada por Rei Varela.

"Sorpresa e decepción"

"Producíanos sorpresa e unha enorme decepción, porque na última reunión que tivemos do Consello Municipal da Lingua, percibimos unha sintonía neste organismo, por parte mesma da concelleira", expresou Vázquez sobre a pretensión do Concello.