Expertos chaman á precaución: "Aínda que as vacinacións comecen en xaneiro nada mudou, temos que protexernos"

O actor británico Ian McKellen recibe a vacina de Pzifer e BioNTech na campaña de inmunización (Imaxe: Jeff Moore / Jeff Moore via PA Med / DPA)

A Comisión Europea avanzou o inicio das campañas de vacinación fronte a Covid-19 a finais do mes de decembro se a Axencia Europea de Medicamentos o autoriza. Malia a súa proximidade, os expertos lembran que frear a propagación do coronavirus  require inmunizar 70% da cidadanía. Na Galiza, só 4,5% da poboación contraeu a enfermidade. De cara aos vindeiros meses piden paciencia e urxen a seguir cumprindo coas medidas de seguridade.   

Entre o 27 e o 29 de decembro prevese que arranquen as campañas de vacinación da Covid-19 en toda a Unión Europa. O extraordinario contexto da pandemia deu pé a un fito na historia da investigación. En menos dun ano dúas compañías farmacéuticas, Pzifer e BioNTech, obtiveron luz verde nos Estados Unidos e no Reino Unido, e previsibelmente o 21 de decembro no continente europeo, para comezar a inmunizar a poboación fronte ao Sars-CoV-2.

Na Galiza non transcorreron nin dez meses entre o primeiro caso notificado da Covid-19 e o anuncio dado onte pola presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, se ben polo momento cómpre agardar a luz verde da Axencia Europea de Medicamentos (EMA).

Tras meses de máscara e de distancia física a poboación segue de preto os anuncios dos seus respectivos gobernos. No Estado español, o plan de vacinación deu prioridade aos grupos de risco no inicio atendendo aos criterios da Organización Mundial da Saúde (OMS).

Se os acontecementos decorren como está previsto, neses días de decembro comezará a distribución das vacinas. O Estado español mercou 20 millóns de doses para inmunizar 10 millóns de persoas. A campaña decorrerá de maneira gradual nuns meses nos que a cidadanía deberá seguir cumprindo as medidas de seguridade e nos que se manterán as restricións. 

Garantías da vacina

Ao reto dunha campaña como a que vén únense as reticencias amosadas de parte da poboación a vacinarse. Unha enquisa recente do Centro de Investigación Sociolóxicas amosou que 55% das persoas entrevistadas, preguntadas por se estarían dispostas a facelo de inmediato, "preferirían agardar a coñecer os efectos" e 8,4% non estarían dispostas a facelo en ningún caso.

"Eu se puidese poríaa xa mesmo", asegura o investigador da Universidade de Santiago de Compostela José Martínez Costas en conversa con Nós Diario. El mesmo lidera un proxecto arredor dunha vacina contra a Covid-19. Explica que a rapidez do desenvolvemento da vacina foi posíbel "pola propia situación de emerxencia".

Se axencias as aproban é que teñen garantías para o seu humano, conclúe Martínez Costas

"As empresas están cubertas financeiramente polos estados, polo que non tiñan que sopesar a cuestión dos custos. E algunhas das fases de desenvolvemento solapáronse, mais sempre garantindo todos os controis de seguridade. Se axencias as aproban é que teñen garantías para o seu humano", conclúe,

Este investigador agrega que a tecnoloxía empregada "é moi sinxela e rápida de producir". "Esta vacina traballa cunha carga xenética (ARN, ácido ribonucleico) do virus que se nos inocula", explica Francisco Caamaño Isorna, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC. "Vai adxunto a un reactivo de transfección que axuda a introducilo na célula da persoa vacinada. Unha vez nas células produce as proteínas do coronavirus para disparar unha resposta inmunitaria", engade Martínez Costas. 

Os efectos

O proceso de inmunización coa vacina de Pzifer e BioNtech require de dúas doses. "Até que non teñamos recibido ambas non estamos cubertos", resalta Caamaño Isorna. Profesor e investigador da USC apuntan que se descoñece a duración desta protección. "Quen a recibiu no mes de outubro continúa inmunizado a día de hoxe, pero non podemos saber se seguirá a estalo dentro de catro ou cinco meses" indica Martínez Costas.

Até que non teñamos recibido ambas non estamos cubertos, resalta Caamaño Isorna.

A medio prazo, tampouco é descartábel que a vacina do coronavirus se incorpore aos plans de inmunización e que a poboación teña que recibir doses de maneira periódica. "O que semella pouco probábel é que deixe de ser efectiva por unha mutación do virus, aínda que nunca podes dicir nunca. A zona do virus contra a que se dirixen as maior parte das respostas inmunitarias estimuladas polas vacinas non adoita mudar neste nin noutros coronavirus", engade.

En canto aos efectos secundarios, o investigador da USC apunta que acostuman a agromar ao comezo das investigacións. "Nos ensaios clínicos non se adoita testar fármacos en persoas maiores, tampouco en quen presenta moitas alerxias. Vaise vacinar moita xente, poden xurdir reaccións adversas non detectadas nos ensaios, non é habitual pero pode acontecer igual que con calquera outro medicamento", di Caamaño.  
 

Queres saber máis? Atoparás o artigo ao completo no Nós Diario de hoxe, dispoñíbel nos quiosques e na nosa loxa online. Evita sorpresas negativas e consigue o xornal todos os días facendo a subscrición xa mesmo!