Un 'meteoro' a atravesar o ceo da Coruña?
Vídeos como o de Israel Borja gravaron unhas imaxes no ceo da Coruña e Ferrol que están a ser centro de debate nas redes.
Israel Borja Nuñel (@Canaan_1983) partillou esta terza feira a través da súa conta do twitter unhas imaxes gravadas pouco antes das sete da mañá desde o monte San Pedro da Coruña e nas que se ve un obxecto luminoso atravesar o ceo.
O debate axiña prendeu nas redes, apuntando que podería tratarse dun meteoro ou dun satélite reentrando. Outras usuarias das redes sociais da zona da Coruña e Ferrol tamén penduraron gravacións dese mesmo obxecto.
Porén, o científico Marco Langbroek explicou, tamén nas redes, que o que se vía era a reentrada, "a pasada noite ás 4:45 UT (6:45 hora local española), do foguete ruso Soyuz Upper Stage".