Miguel Martorell, historiador: "O espolio nazi foi un gran negocio ademais dunha acción criminal"

Miguel Martorell participou en 1998 na chamada Comisión Múgica. Na imaxe, o catedrático, esta segunda feira, na redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)
Miguel Martorell (Madrid, 1963) é catedrático de Historia na UNED e un dos maiores expertos no saqueo artístico nazi. O seu último libro, 'El expolio nazi' (Galaxia Gutenberg) inspirou o relatorio que ofreceu onte no Ateneo de Compostela sobre o papel do Estado español na diseminación dos bens espoliados.

—Que foi primeiro, o holocausto ou o espolio nazi?
O espolio é parte do holocausto. Desde que chegan ao poder en 1933, os nazis empezan a apartar os xudeus da sociedade alemá e comezan a darse casos de requisa de bens esporádicos, que se converten en sistemáticos a partir de 1938. Primeiro quítanlles as empresas, as casas, as obras de arte. Cando os deportan, os nazis levan todo canto os xudeus deixan atrás: lámpadas, xoguetes, vaixelas. Todo iso recíclano e distribúeno entre cidadáns alemáns. A última fase do espolio ten lugar nos campos de concentración. Aí tamén acumulan o pouco que levan encima -roupa, aneis, reloxos- para envialo a Alemaña. É neste contexto onde se enmarca o espolio de obras de arte.

O espolio ten unha relación directa coa política racial do Terceiro Reich

—Por que se asañou coa cultura o Terceiro Reich? Que quixo expresar a través do saqueo artístico?
Hai que ter en conta que as elites que chegan a gobernar Alemaña son de orixe humilde. Hitler era fillo dun funcionario de aduanas; Himmler, perito agrícola; Goering, descendente dunha familia da aristocracia caída en desgracia. Coleccionar arte é un signo de distinción, unha maneira de pasar a un status superior. Ademais, está a vontade de demostrar que Alemaña é a gran potencia cultural de Europa. Mais hai outra cousa importante, que é que a arte ten un valor económico. Nun tempo de guerra, no que as moedas se devalan, a xente con recursos e a xente que se fai rica quere investir en valores seguros: ouro, diamantes e obras de arte.

—En que consistiu o espolio?
Comezou no ano 1933 cos xudeus, pero tamén cos inimigos políticos do Terceiro Reich. Despois pasa a Austria, logo aos Sudetes e acaba estendéndose por toda Europa. Falamos do transvase de obras de arte máis importante do mundo contemporáneo. Da Unión Soviética os nazis levaron perto dun millóns de obxectos culturais: pinturas, esculturas, xoiería artísticas, figuras de porcelana, libros, material de arquivo, instrumentos musicais. De Francia, sacaron arredor de 100.000 pezas; de Países Baixos, 60.000; de Bélxica, 30.000; centos de miles de obxectos a voltas por Europa e, sobre todo, en dirección a Alemaña.

—Coa característica de que encada territorio o saqueo non se executou da mesma maneira.

O espolio ten unha relación directa coa política racial do Terceiro Reich. Non foi igual na Europa oriental e na occidental. Todo o territorio que os alemáns ocupan na parte oriental anéxano de forma directa. Non van recoñecer a existencia de ningún país, ademais, considerar os eslavos unha raza inferior. Aí levan todo o que lles da a gana: coleccións particulares, de museos públicos, patrimonio das igrexas. Non renden contas ante ninguén. En occidente si van recoñecer a existencia dos estados francés, belga, holandés. Aí requisan as obras de arte dos xudeus e doutros inimigos pero non van baleirar nin os museos públicos, nin as igrexas nin van saquear de modo sistemático as propiedades dos particulares.

Tras a guerra, os aliados lograron recompilar 60% do patrimonio espoliado, que se devolveu a cada país; 40% permanece desaparecido

O que fan é devalar as moedas estatais á forza, un 30%, ademais de imporlles o pago dunhas cantidades brutais en concepto de gastos de ocupación. Francia chegou a pagar 600.000 millóns de franco. Unha barbaridade, que chega a ser nalgún momento da II Guerra Mundial 50% do PIB francés. Con eses cartos van comprar moi barato e non só obras de arte. É unha estratexia pensada para financiar a guerra. Compran materias primas, alimentos, produtos manufacturados, téxtiles... E obras de arte en cantidades industriais, unha compra forzosa, aproveitando a ocupación militar e a degradación económica do país invadido.

—Que recorrido teñen esas obras de arte saqueadas?
Aquí hai dous grandes coleccionistas: Hitler e Goering. O primeiro comeza a coleccionar nen 1938 coa idea de construír un gran museo para Alemaña. A guerra acaba no 45. En sete anos consegue 6.700 pinturas. O Prado en 200 anos xuntou 8.000. O segundo fíxose con máis de 2.000 pinturas ademais doutros bens. Outros moitos xerarcas sumáronse ao espolio. E animados polos bos prezos tamén moitos particulares e, por suposto, os museos alemáns. 

—Houbo moita xente implicada no tráfico de obras de arte?
A II Guerra Mundial foi probabelmente a que máis expertos mobilizou na historia da arte. Todo este espolio non sería posíbel se non fose porque o os nazis contaron con directores de museos, galeristas, historiadores da arte, peritos, restauradores, delatores. Ocupou miles de persoas en todo o continente. Ademais dunha acción criminal foi un gran negocio.

—Onde permanecen as obras espoliadas?
Tras a guerra, os aliados lograron recompilar 60% do patrimonio espoliado, que se devolveu a cada país e estes aos seus cidadáns. 40% permanece desaparecido. Ben se destruíu na guerra ben segue oculto en mans de cidadáns alemáns ou disperso polo mundo. Co inicio da Guerra fría deixouse de investigar e até os anos 90 do século pasado non houbo ningún control sobre o mercado da arte. Isto converteu o espolio nazi nun problema global, até o punto de que museos en Tel Aviv que chegaron a comprar patrimonio procedente do espolio. Facer o rastrexo destas obras é moi complicado, e cando se detectou a súa orixe foron restituídos aos seus propietarios.

Isto cambia nos anos 90. Ten lugar a conferencia de Washington de 1998 e séntanse as bases para afrontar o tema da arte espoliada durante o nazismo de maneira que os estados, entre eles España, se comprometen a investigar para actuar de forma xenerosa coas vítimas e os seus descendentes en caso de advertir algunha obra.

Os ecos do saqueo nazi na Galiza

"Sabemos que o Estado español foi territorio de saída de obras procedentes do espolio. Pero casos documentados só hai tres, todos resultado de compras feitas no mercado internacional", di Martorell.

No Reina Sofía hai un cadro de Andre Masson (La famille en metamorphose) que os descendentes do propietario acordaron deixar no centro. No Thyssen hai un cadro de Camille Pissarro (Rue Saint-Honoré pola tarde. Efecto de chuvia) procedente dunha familia alemá que "o museo se resiste a deixar" após 16 anos de litixio. "E por último está o caso do Museo de Pontevedra, que me parece impecábel. En canto se soubo que os dous cadros de Dieric Bouts procedían do espolio, a disposición do museo para devolvelas foi inmediata".