Unha militar atropela nas portas de Navantia en Ferrol un membro do comité de empresa que participaba nun piquete

Persoal de Navantia bloquea a entrada ao estaleiro en Ferrol nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).

Un integrante do comité de empresa de Navantia Ferrol foi atropelado á primeira hora da mañá deste sábado por unha militar, cando participaba nun piquete informativo ás portas do estaleiro.

Segundo detallaron fontes sindicais que estaban presentes, no piquete participan delegados da industria auxiliar, das federacións de Industria e do propio comité, e o incidente produciuse cando o home estaba a preguntar aos condutores dos vehículos que trataban de acceder ao recinto a que empresa pertencían.

Foi entón cando, segundo as fontes consultadas, achegouse ao vehículo da militar e ela acelerou e atropelou o sindicalista que caeu ao chan e que non sufriu danos maiores ao estar situado nun lateral do vehículo e dar un salto para retroceder.

Perante os feitos presentáronse no lugar axentes da Policía española, que estaba a vixiar o piquete, cursando no momento a correspondente denuncia, sendo ademais esta unha zona vídeo vixiada polas cámaras de Navantia.

Por outra parte, este piquete formaba parte das accións anunciadas polos sindicatos para impedir o acceso ao estaleiro dos traballadores das empresas auxiliares que non están a respectar os acordos salariais dos operarios que realizan o seu labor neste estaleiro.

Así, a empresa Gabadi trasladou nun autobús os seus traballadores, que segundo fontes sindicais "están nun hotel e non son de aquí, son doutros países, e mesmo hai que falar con eles a través dun intérprete".

"Solicitamos ao condutor que nos deixase falar con eles, explicámoslles cal é a situación e decidiron finalmente non entrar" a esta zona industrial, trasladaron as fontes consultadas.

Finalmente, detallaron que van continuar realizando estes piquetes ás portas nos próximos días nos dous estaleiros da ría de Ferrol, até lograr "que se cumpran os acordos salariais recollidos no convenio provincial do sector siderometalúrxico da provincia da Coruña, e que conta cun anexo referente a ambos os centros de traballo".