Milleiros de afectad@s polas preferentes exixen en Vigo a demisión do ministro De Guindos

Unha das faixas que se despregaron na manife

Ao berro de "nin quita, nin accións, total devolución", plataformas de toda Galiza confluíron nunha grande marcha na cidade olívica. Representantes do BNG, PSdeG e da CIG fixeron parte da mobilización. Vídeo no interior.

Plataformas de persoas afectadas pola estafa das participacións preferentes e subordinadas, de toda a xeografía galega, confluíron esta mañá nunha manifestación que percorreu as rúas de Vigo. Na marcha, cunha estética multicolor polas camisolas que identifican as diversas plataformas, foron constantes as consignas en contra das quitas e no reclamo da “total devolución” dos aforros secuestrados por estes produtos financeiros de alta toxicidade. “Nin quita, nin accións, total devolución” foi a palabra de orde predominante durante a manifestación, que foi como é habitual nas súas convocatorias moi ruidosa, con asubíos e pitadas constantes. 

A mobilización secundada por milleiros de persoas (12.000 segundo os convocantes) contou coa participación de representantes políticos, sociais e sindicais, como o portavoz parlamentar do PSdeG, Abel Losada, a deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila ou o secretario comarcal da CIG, Serafín Otero, entre outros.

No manifesto, ao que deu lectura unha voceira da plataforma de Vigo e Val Miñor, denunciaron seren  vítimas dun  “enorme engano”. Botando man da popular fábula das formigas e as cigarras, identificaron con estas últimas aos banqueiros e tamén aos responsábeis políticas, facendo referencia expresa a “Feijóo e De Guindos”. Aliás, o manifesto facía un chamado á veciñanza a se sumar e apoiar a súa loita afirmando que “é hora de que as formigas deixemos de sentirnos pequenas, é hora de unirnos todas para botarmos abaixo esta grande estafa”.

Piden a demisión ou o cese do ministro De Guindos

“Desde Vigo, desde Galiza, exiximos que demitan os responsábeis” reivindicaron desde as plataformas de afectados. A ese respecto apuntaron un nome concreto, o do ministro de economía do goberno español, Luís De Guindos, logo de facerse público que durante a súa etapa á fronte do xigante financeiro Lehman Brothers comercializou participacións preferentes. “Pedímoslle que dimita ou que o cese Rajoy, se é que é realmente o seu xefe e non ao revés” reclamaron.