Milleiros de persoas mobilízanse canda @s traballador@s da área pública contra a política de recortes

Manifestación en Vigo
Na tarde desta segunda feira tiveron lugar manifestacións nas sete cidades galegas convocadas pola Plaforma en Defensa dos Servizos Públicos.


Profesorado, persoal sanitario e traballador@s das administracións públicas volveron saír máis unha vez á rúa, na tarde desta segunda feira, para denunciaren os efectos das políticas de recortes impostas desde o Partido Popular na Xunta e no goberno central. Non estiveron sós. Milleiros de persoas participaron das manifestacións convocadas pola pola Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos --da cal fan parte CIG, CCOO, UGT e outras centrais e sindicatos sectoriais-- nas sete cidades do noso país.

Desta maneira @s traballador@s públic@s despiden unha lexislatura marcada pola conflitividade laboral e social por mor dos sucesivos recortes salariais, despedimentos e precarización salarial que padeceron nos últimos anos e, asemade, polo continuado desmantelamento dos servizos públicos.

Reclamaron o mantemento de servizos públicos universais como ensino, sanidade ou dependencia, a poucos días das eleccións galegas do próximo 21-O, facendo referencia expresa ao “conxunto da cidadanía que quere e merece unha alternativa diferente”. Neste sentido, chamaron a “expresar o noso rexeitamento con contundencia porque, de non o facer, sentiranse lexitimados para continuar gobernando de costas ao pobo e contra os intereses da maioría”.

Reivindican a función social do seu traballo

As manifestacións que decorreron polas cidades de Vigo, Compostela, A Coruña, Pontevedra, Ferrol, Lugo e Ourense, remataron coa lectura dun manifesto conxunto en que alén do xa sinalado se reivindicaba a utilidade social do desempeño d@s traballador@s públic@s perante do “permanente descrédito ao que se lles somete”. “ As empregadas e empregados públicos garantimos os dereitos aos cidadáns e cidadás e por eles temos que loitar, pola nosa dignidade e profesionalidade” sinalaban nun treito do texto.