Milleiros de persoas xubiladas saen ás rúas por unhas pensións dignas
Milleiros de pensionistas mobilizáronse na mañá do sábado na Galiza para reclamaren unhas pensións dignas e en contra das medidas “miserábeis” do Goberno encabezado por Mariano Rajoy.
Pensionistas galegas e galegos saíron á rúa de forma para reclamaren unhas pensións dignas, co fin de recuperar o poder adquisitivo e de denunciar a “miserábel e irrisoria” suba do 0,25% decretada polo Goberno central.
As mobilizacións máis multitudinarias, en que se escoitaron frases como “Mans arriba, isto é un atraco”, “Máis pensións, menos ladróns” ou “Coas pensións non se xoga”, tiveron lugar na Coruña e en Vigo. Na Coruña, o Obelisco viuse desbordado de participantes, que ocuparon a zona até o final da Fundación Barrié e mais os Xardíns de Méndez Núñez. De feito, a policía local cortou o tráfico. En Vigo, milleiros de persoas ocuparon as inmediacións do Marco e chegaron até o Sireno e Policarpo Sanz.
Na mesma liña, as persoas xubiladas criticaron as palabras en que Rajoy aseguraba que non hai diñeiro para subir alén do 0,25% estas prestacións. Palabras nas que ven “un desprezo”. De aí que o portavoz de Modepen acusase o Goberno central de “dilapidar a mans cheas os cartos que son de todos, mentres os xubilados manteñen coas súas exiguas pensións as súas familias en paro”.
Participación de CCOO, UGT e o PSOE
As concentracións da mañá do sábado, que seguiron as da quinta feira organizadas polo sindicato CIG, foron convocadas polo Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas e por CCOO e UGT.
Precisamente, a reforma das pensións, que provocou o atraso na idade de xubilación, que restrinxiu as xubilacións anticipadas e o aumentou o período de cómputo, foi asinada en 2011 por CCOO, UGT, CEOE, CPYME e o PSOE e chegara a desembocar nunha folga xeral galega -convocada en solitario pola CIG-. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, manifestábase coas persoas pensionistas en Vigo e pedíalle ao Goberno central que “tome nota dunha reclamación digna e necesaria”.
[As imaxes que acompañan esta información son de Galiza Contrainfo]